A innovación solidaria das empresas centra unha xornada de SmartPEME

martes, 25 de abril do 2023 S. P.

Implicar ao tecido empresarial da provincia de Pontevedra no compromiso social e fomentar este tipo de emprendemento é o obxectivo da terceira acción do programa de Desenvolvemento de Solucións Innovadoras que promove SmartPEME e que está programado para o 11 de maio na sede da Deputación en Vigo.
Consiste, dun xeito máis específico, nunha xornada dirixida a impulsar o talento da provincia que incluirá diversas actividades, como os relatorios de Carlota Corzo e Guillermo Martínez, así como obradoiros e sesións de networking, nas que as e os participantes poderán tomar parte na creación de solucións innovadoras enmarcadas na Responsabilidade Social Corporativa (RSC).
A inscrición nesta cita pode facerse ata o 8 de maio.
A xornada arrancará co relatorio Repropoñendo as doazóns (10.30 h.), a cargo da coruñesa Carlota Corzo, licenciada en Belas Artes e responsábel de Lázzaro, unha plataforma que dá seguridade ás doazóns a oenegués. Gañadora do premio social Jóvenes da Fundación Máshumano, Corzo foi incluída o pasado ano na lista dos e das 30 talentos españois de menos de 30 anos da revista Forbes.
O programa continuará coa intervención ás 10.50 h. de Guillermo Martínez, enxeñeiro de Organización Industrial, diplomado en Tecnoloxía Biónica, Mestrado Social MBA e fundador e director xeral de Ayúdame3D, unha organización sen ánimo de lucro que crea e entrega brazos impresos en 3D, denominados trésdesis, de maneira gratuíta a persoas con diversidade funcional de todo o mundo. Martínez, que pronunciará o relatorio Deseñando axudas, imprimindo cambios sociais, é un referente dentro do mundo do emprendemento social, e mesmo recibiu o premio Princesa de Girona.
A xornada tamén contará con dous obradoiros, un ás 12 h. de construción de próteses de Ayúdame3D e outro ás 15.30 horas sobre os NFT (Non-Fungible Token) e como adquirilos. Os token son activos dixitais encriptados, que representan algo único e non son intercambiábeis de forma idéntica.

PUBLICIDADE