A intelixencia artificial e a información, eixe das Xornadas de Filosofía da Ciencia

venres, 12 de febreiro do 2016 Redacción

Luciano Floridi, catedrático na Universidade de Oxford

As XXI Xornadas de Filosofía e Metodoloxía actual da Ciencia xuntará no Campus de Ferrol (UDC) un importante colectivo de destacados especialistas en intelixencia artificial. Este será, de feito, a columna vertebral do evento, organizado pola Área de Lóxica e Filosofía da Ciencia da Universidade da Coruña co apoio da Sociedade de Lóxica, Metodoloxía e Filosofía da Ciencia en España. O congreso desenvolverase os días 10 e 11 de marzo baixo os seguinte epígrafe: Intelixencia Artificial e sociedade contemporánea. O cometido da información. Os interesados en asistir teñen de prazo ata o 26 deste mes para inscribirse no apartado web especifico.
O principal relator será Luciano Floridi, catedrático na Universidade de Oxford e director de investigación do Oxford Internet Institute, amais de ser coñecido nos ámbitos da reflexión dixital como “o filósofo de Google”. Segundo informa a UDC, trátase dunha figura de referencia internacional en todo o tema de Filosofía da Información, experto en caracterización da información e a súa relación con aspectos éticos. Desde 2009 ocupa a Cátedra de UNESCO de Information and Computer Ethics. Entre os seus libros publicados por Oxford University Press figuran The Philosophy of Information (2011);The Ethics of Information (2013); y The Fourth Revolution - How the infosphere is reshaping human reality (2014).
Outros relatores convidados son Javier Echeverría, catedrático de Universidade, investigador no Centro de Innovación Social da Universidad del País Vasco; Giuseppe Primiero, catedrático de Computing Science na Universidad de Middlesex (Londres), tras ter sido investigador nas Universidades de Leiden (Holanda) e Ghent (Bélgica); Mark Priestley, investigador, asociado ao Departamento de Estudos de Ciencia e Tecnoloxía do University College London; e Enrique Alonso, profesor Titular de Lóxica e Filosofía da Ciencia (Universidad Autónoma de Madrid). Ademais, presentarán unha comunicación outros dous especialistas internacionais: Patrick Allo (Universidad Libre de Bruselas) e Stefan Schubert (Consello Sueco de Investigación, actualmente en Oxford).

PUBLICIDADE