A interrelación entre informática e xustiza, ao detalle nas xornadas que organiza o CPETIG o día 25 en Santiago

martes, 15 de outubro do 2013 Fernando Sarasketa

O outono é sen dúbida pródigo en eventos relacionados coas novas tecnoloxías, algúns deles de índole xeral e tratando de abranguer o meirande número de temáticas TIC e outros deles máis específicos e, cremos nós, de meirande alcance e fondura. Entre estes últimos sitúase sen dúbida unha cita galega prevista para este venres 25 de outubro, a terceira edición das Xornadas de Informática Xudicial e Delitos Informáticos que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIC) na Cidade da Cultura (Santiago) co obxectivo de avaliar os recursos TIC como instrumentos de investigación policial e, tamén, como espazos de investigación en si mesmos, facéndose fincapé este ano na cuestión da ciberseguridade.
Para isto, para avaliar estas cuestións polo miúdo, contar con relatores de primeiro nivel achegando o seu coñecemento e a súa experiencia en eidos de gran interese non só para os profesionais dos departamentos TIC e dos despachos xudiciais, senón tamén para a cidadanía en xeral, directamente implicada no desenvolvemento deste punto onde se xuntan e interactúan informática e xustiza.
A nova convocatoria destas xornadas, que se insiren no convenio asinado recentemente entre o CPETIG e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), xirarán como dixemos arredor da cuestión da ciberseguridade, que será por así dicilo a columna vertebral do encontro xunto con outros ámbitos de especial relevancia: os sistemas forense de intrusión, segundo explica o Colexio unha cuestión de gran alcance por mor do seu impacto social. Asemade, a revisión destes temas tan actuais farase dende a perspectiva dos dereitos dos cidadáns e do traballo das entidades encargadas da persecución destes delitos.
A salientar -como novidade- que se contará coa presenza dun órgano europeo, grazas á participación de Manuel Álvarez Sobredo, responsábel da introdución do Centro Europeo contra o Cibercrime (EC3), entidade integrada na Europol e que centraliza a loita contra este tipo de actividades na Unión Europea. Lembrar tamén que a estas xornadas asistirán un grupo de expertos, que achegarán a súa visión global dende eidos tan diversos como o da avogacía, a maxistratura, a fiscalía, as forzas de seguridade, o Ministerio de Xustiza e como novidade, as novas axencias internacionais.
Para inscribirse nestas xornadas de Ciberseguridade e sistemas forenses de intrusión, ou consultar máis información, cómpre visitar a web habilitada para o evento.
Estes encontros do CPETIG contan co financiamento de AMTEGA e a Xunta e a colaboración directa do bufete de avogados Pintos & Salgado e da empresa compostelá Coremain.
A continuación, damos conta do programa.
Sesión de Mañá
- 9:00 Horas Recepción e entrega de material.
- 9:15 Presentación a cargo de Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
- 9:30 Primeiro Relatorio O uso de troianos para a investigación de delitos no proxecto de novo Código Procesual Penal, a cargo de David Maeztu (avogado especializado).
- 10:15 Segundo Relatorio Riscos da ciberseguridade nun mundo hiperconectado, a cargo de Alberto Redondo Sánchez (capitán da Garda Civil, Unidade Técnica de Policía Xudicial Xefe do Grupo Delitos Tecnolóxicos)
- 11:00 Descanso e café
- 11:30 Terceiro Relatorio Os novos medios de proba electrónica no procedemento xudicial, por Eloy Velasco (maxistrado)
- 12:15 Cuarto Relatorio, O rápido desenvolvemento da delincuencia no ciberespazo na Unión Europea e o papel do Centro Europeo de Ciberdelincuencia (EC3) para mitigar este problema, a cargo de Manuel Álvarez Sobredo, head of implementation, EC3, EUROPOL
- 13:00 Mesa Redonda (1h) De SITEL a PRISM: da ciberseguridade á ciberespionaxe, Onde está o límite? Moderador Javier Sanz Larruga (catedrático de Dereito Administrativo - Universidade da Coruña)
- 14.00 Xantar
Sesión de Tarde
- 16:30 Quinto Relatorio, Retos da fiscalía ante o auxe dos delitos informáticos e dos novos medios de proba, a cargo de Marta García de la Concha (fiscal especializada en Criminalidade Informática da provincia de Pontevedra)
- 17:15 Sexto Relatorio, Cara a unha Xustiza Dixital, a cargo de Joaquín Silguero Estagnan (secretario xeral da Administración de Xustiza)
- 18:05 Clausura a cargo de Alfonso Rueda. vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE