A investigadora María Mosquera (USC) localiza o gran reto da restauración galega: sacar partido real do dixital

luns, 9 de outubro do 2023 S. P.

María Mosquera Leal, investigadora da Universidade de Santiago, é a responsábel dun traballo que pon de manifesto o importante potencial das ferramentas dixitais para a hostalería galega, potencial que aínda está por explorar e cuxo aproveitamento práctico é o gran reto do sector para os vindeiros anos.
Na investigación faise saber que “unha boa parte da restauración galega non concede credibilidade ás plataformas de opinión como TripAdvisor e tampouco coñece o impacto estatal e internacional dos seus clientes nin profunda nas ferramentas de mercadotecnia dixital”.
Na introdución ao traballo engádese que na actualidade en Galicia dáse o paradoxo dun escaso aproveitamento dos servizos tecnolóxicos avanzados, e pola outra, dunhas administracións públicas que seguen a enfocar a gastronomía galega como un dos recursos turísticos máis valiosos identificando Galicia co bo comer e empregando a gastronomía como factor clave na promoción do destino turístico.
As devanditas son dúas das principais conclusións que achega a tese de doutoramento da xornalista e investigadora da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, María Mosquera Leal, dirixida polo profesor Fermín Galindo.
A tese pon o foco, tamén, na xestión da reputación, no ecosistema actual da comunicación gastronómica, na rápida transformación que experimentou a valoración do cociñeiro e no impacto da telerrealidade e das plataformas de recomendación na alta restauración galega. Amais, abórdase por primeira vez en Galicia a análise do impacto da reputación na gastronomía e o relato gastronómico que se fai da alta cociña galega.
“A gastronomía é unha das principais motivacións do/a turista para elixir Galicia, despois da natureza”, relata a investigadora, engadindo que descubrir a imaxe que nos chega da gastronomía galega e, sobre todo, coñecer como impactan as valoracións dos clientes nas redes sociais ou os influencers no relato gastronómico galego, foron dous dos detonantes principais dun traballo no que analizou a evolución da comunicación gastronómica ao longo do tempo, antes exclusivamente en mans de críticos culinarios e agora “democratizada” a través das puntuacións das plataformas como TripAdvisor.
“Interesábame coñecer de primeira man como influíra ese cambio nos negocios hostaleiros, especialmente na alta restauración galega, se facían uso das redes sociais e as ferramentas de mercadotecnia en liña ou tiñan profesionalizada a comunicación dos seus establecementos, nun momento no que a cociña ocupa o prime time nas televisións estatais e os cociñeiros parecen ser as novas estrelas do rock para a nosa sociedade”, explica María Mosquera. Algo no que a investigadora establece que se deron pasos adiante, pero que aínda queda moito por facer, sobre todo profundando na análise de toda a información que os usuarios xeran en Internet sobre cada establecemento e o alcance que podería chegar a ter non só para o sector, senón para o destino Galicia.
A investigación complétase cunha vintena de entrevistas a figuras da restauración, crítica e fotografía gastronómica, así como a responsábeis de diferentes entidades vinculadas á formación e á promoción turística. De todas elas, así como da análise dos comentarios nas diferentes redes sociais e plataformas, a investigadora extrae que “o potencial para usar estas ferramentas que atraen o público internacional non está de todo desenvolvido”. Así, sinala, as materias pendentes neste eido abranguen a formación e sensibilización ao sector sobre o potencial das ferramentas de comunicación en liña, máis alá de redes sociais xerais, e o peso que teñen as plataformas dixitais de recomendación á hora de situar un restaurante. “O conxunto da información xerada polos usuarios é hoxe en día unha peza crucial á hora de lograr unha boa reputación nos seus establecementos e atraer novos clientes internacionais, polo que sería necesaria máis formación neste sentido para as novas figuras da restauración”, afirma.

PUBLICIDADE