A lingua empregada nas mensaxes dos móbiles comeza a adquirir carta de oficialidade

mércores, 15 de novembro do 2006 Raquel Noya

Enviando un SMS en BeijingTanto as mensaxes SMS coma a linguaxe que se emprega nelas convertéronse nos últimos anos nunha auténtica revolución para unha boa parte da mocidade, chegando a ser practicamente unha segunda lingua para moitos. Tanto é así que –por exemplo– en breve os estudantes neozelandeses poderán comezar a empregar o idioma abreviado dos SMS nos vindeiros exames da NCEA, o equivalente ós exames de selectividade en España.
Os defensores desta medida opinan que o máis importante é que os alumnos demostren que posúen os coñecementos requeridos nas probas, e non tanto o xeito de levalos á folla. Amais, aseguran que se trata de integrar no eido da escola unha linguaxe que xa leva anos sendo empregada na rúa.
Pola súa banda, os detractores da medida cren que con esta decisión estase a axudar a empobrecer o idioma e a destruír o xeito tradicional de comunicarnos. No que non semella haber dúbidas é no seguinte punto: as linguas evolucionan co paso do tempo, afacéndose de xeito continuo ás novas xeracións e cumprindo o seu papel de canle de comunicación entre semellantes. Mais, cara onde nos leva esta novo xeito de expresármonos, nado dos teléfonos móbiles, os chats e os foros de Internet? Moitas expresións feitas xa están espalladas entre os máis novos, e estes úsanas de maneira arbitraria entre eles, convertendo verbas en siglas complicadas de comprender para a meirande parte da sociedade adulta. Algunhas das palabras que máis se empregan son estas:

  • ad+: ademais.
  • a2: adeus
  • aptec: apetece.
  • Bn: ben.
  • Bks: bicos.
  • 1bk: un bico.
  • 1bkñ: un biquiño.
  • Cm: como?
  • Cnd: cando?
  • Ctxta: contesta.
  • D-: de menos.
  • Dps: despois.
  • +tard: máis tarde.
  • Grazs: grazas.
  • Hi: hola
  • K a cs: qué fas?
  • Ksa: casa.
  • Lg: logo.
  • Mña: mañá
  • N: en.
  • Psada: pasada/pesada.
  • Q: que.
  • Q tl: que tal?
  • Qt: querote.
  • Qtm: querote moito.
  • Spro: espero.
  • Stou: estou.
  • Srt: sorte.
  • Tb: tamén.
  • Tpc: tampouco.
  • T2: todos.
  • Vnt: vente.
  • Wpo: guapo
  • Wpa: guapa.
  • X: por
  • Xa:para
  • Xfa: por favor.
  • X fi: por favor.
  • Xiks: chicas.
  • Xq: porque.
  • Xque: parque.
  • Xtal: portal

Certamente, despois de ler esta listaxe, que podería ser tan longa como palabras ten o diccionario, a máis de un de nós se nos podería ocorrer deixar a academia de inglés e meternos de cheo na linguaxe SMS, que semella ser a linguaxe das futuras xeracións, caracterizada pola inmediatez e a brevidade que require a sociedade moderna. Se temos en conta que cada xeración de adolescentes se caracteriza polo seu rexeitamento ás normas preestablecidas adoptando costumes que os diferencian da anterior, a mocidade actual semella que atopou nas mensaxes curtas de texto o seu signo de identidade, e a vítima inocente e en quen recaen as consecuencias involuntarias da súa rebeldía non é outra que a ortografía.
Como é natural, o automatismo no emprego de dúas formas léxicas para unha mesma palabra (unha en SMS e outra en formato normal), afectaralle a tódalas linguas, xa que por lei natural os novos que hoxe asumiron este sistema de comunicación son os adultos que o día de mañá o manterán, tanto por autocomplacencia como tamén por imperativos tecnolóxicos. Así, malia que debemos velar pola correcta aprendizaxe e uso do idioma (ben sexa na súa gramática, a sintaxe ou a ortografía), é certo que non non semella moi conveniente deixármonos arrastrar cara a posturas extremas de rexeitamento a este novo xeito de comunicación, que -mellor ou peor- permite comunicar algo en pouco tempo e con menor custo económico. Só por iso merece que se lle empreste atención.
Hai pouco se recibiu na redacción de Código este correo electrónico ó que non se lle deu importancia até hoxe, pois é máis concluínte do que no seu día pareceu: “Sgeun un etsduio de una uivenrsdiad ignlsea, no ipmotra el odren en el que las
ltears etsan ersciats, la uicna csoa ipormtnate es que la pmrirea y la utlima ltera
esten ecsritas en la psiocion cocrrtea. El rsteo peuden estar ttaolmntee mal y
aun pordas lerelo sin pobrleams. Etso es pquore no lemeos cada ltera por si
msima preo la paalbra es un tdoo”.

Pesornamelnte me preace icrneilbe...
É un texto que nos axuda a mirar en fite e a valorar a nosa capacidade para afacernos á lectura de calquera codificación que responda a unhas normas preestablecidas e xa recoñecidas anteriormente. Co tempo, ben seguro que desenvolveremos mecanismos intelectuais que nos permitirán comprender o significado das palabras sen necesidade de velas completas e sen vocais indispensables ata o momento, mais, polo de agora, no Estado español aínda se farán os exames de selectividade de xeito tradicional e coas linguas oficiais coma sempre, grzs a 2.

PUBLICIDADE