A mocidade do Campamento Audiovisual de Rianxo lanza curta en YouTube

mércores, 31 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

As novas directoras e directores de Rianxo que participaron os días pasados (entre o 16 de xullo e o 27) no Campamento Urbano Audiovisual veñen de dar un novo paso no seu camiño creativo cara ao dominio total das linguaxes fílmicas: veñen de lanzar á rede social YouTube a curtametraxe elaborada colectivamente durante o transcurso do obradoiro, organizado polo Concello, impartido por Merenda Creativa e financiado pola Dirección Xeral de Xuventude.
O vídeo, a poucas horas de ser lanzado, está a ter moi boa acollida: máis de medio milleiro de reproducións e un claro dominio de votos positivos. A curta chámase De pateador e peiteador e é unha divertida sátira dos medios de comunicación, da fama e do exceso de popularidade que se lles concede nos medios a determinados personaxes relacionados co fútbol, en detrimento doutros oficios e carreiras igualmente dignos e proveitosos, compor exemplo o de peiteador.
O Campamento Urbano Audiovisual desenvolveuse no Pazo de Rianxo da man do Concello (Servizo de Xuventude) e para mozas e mozos de entre 13 e 17 anos. A actividade tivo como obxectivo a creación dunha curtametraxe, que é a que se presenta agora. Segundo informa a organización, as e os participantes tiveron a oportunidade de mergullarse en todas as fases para a creación da curta: elección da idea, elaboración do guión literario e do guión técnico, escolla de recursos e casting, preparación e ensaios, rodaxe, montaxe e estrea e gala final.

PUBLICIDADE