A mocidade do Conecta con Galicia visita o Polo Aeroespacial de Galicia nas Rozas

venres, 28 de xullo do 2023 S. P.

As e os preto de 30 mozos e mozas galegas do exterior que chegaron a pasada semana para participar no programa Conecta con Galicia da Secretaría Xeral da Emigración visitaron nas últimas horas o Polo Aeroespacial de Galicia de Rozas (en Castro de Rei, Lugo) para achegarse ao mundo da innovación e a realidade empresarial galega.
Este programa, realizado en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Volutariado ao longo de dúas quendas e que se desenvolve no albergue de Gandarío, permite que persoas nadas en Galicia ou descendentes de emigrantes galegas e galegos de 16 e 17 anos volvan ter contacto coa realidade galega e o encontro coas e cos seus familiares, supoñendo para moitas e moitos deles a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra das e dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.
O Polo Aeroespacial de Galicia é unha iniciativa de investimento público-privado impulsada pola Axencia Galega de Innovación na localidade de Castro de Rei. No seu inicio contou co apoio de tres socios estratéxicos situaron Galicia como centro de referencia no sector aeroespacial e en proxectos vangardistas da Investigación e o Desenvolvemento en materia de vehículos aéreos non tripulados e outros dispositivos aéreos avanzados. Trátase Airbus, Telespazio e a multinacional Babcock.

PUBLICIDADE