A mocidade galega é a que máis compra pola Rede en España

martes, 2 de abril do 2019 Redacción

Esta mañá presentouse o Informe da Sociedade Dixital en España 2018 elaborado pola Fundación Telefónica, no que recollen os indicadores sociais máis relevantes que conforman o panorama da sociedade dixital á vez que analizan a evolución dos servizos dixitais e infraestruturas no ámbito estatal.

Datos relativos a Galicia

Pero os datos recollidos no informe tamén serven para facer un retrato da sociedade galega, destacando que un 62,7% dos galegos de entre 16 e 24 anos compran a través da Internet superando en 8 puntos a media estatal, mentres que o 40,4% da nosa poboación tería realizado a adquisición dalgún produto ou servizo a través da Internet nos últimos 3 meses, o que supón un crecemento interanual do 25,9% (mentres que a media estatal está nun 8,8%). Temos así que Galicia está a medrar no uso do comercio electrónico, sendo a nosa mocidade a que ten unha maior afinidade a esta forma de mercar.
O informe da Fundación Telefónica recolle que o 82,6% dos fogares galegos teñen contratado un servizo de acceso á Internet, considerándose que o usa da Internet é practicamente universal entre os menores de 34 anos, aínda que entre os galegos de entre 65 e 74 anos tamén se rexistrou un importante incremento (8,6%) con respecto ao ano anterior.
No relativo á interacción coas Administracións Públicas, Galicia consegue situarse no terceiro posto de comunidades autónomas a nivel estatal, acadando un meritorio 68,2%, o que supón un crecemento interanual do 16,6% e unha posición un 2,8 puntos superior á media.

WhatsApp domina as comunicacións persoais en España

Se analizamos a España en xeral vemos como o móbil segue a ser o corazón da tecnoloxía, pechando o mes de setembro de 2018 cun parque de 53,4 millóns de liñas móbiles, ou sexa, 114 liñas por cada 100 habitantes. Tamén salientan que a cobertura das redes 4G xa chega ao 97,2% da poboación, mentres que nas comunicacións fixas a fibra óptica até o fogar xa ten unha cobertura do 71%, superando amplamente a países como Reino Unido, Alemaña ou Francia.
Pero a proliferación de liñas móbiles non indica un maior uso dos servizos de voz, senón que o informe tamén incide nunha tendencia moi asentada: a preferencia da mocidade pola mensaxería instantánea. Aseguran que o uso de mensaxes case dobra ao de chamadas por móbil e fixo, cun 60% da poboación que envía mensaxes instantáneos varias veces ao día, mentres que só un 24% fai varias chamadas polo móbil e só un 12% faría o mesmo polo fixo. Nesta liña sosteñen que o 96,8% dos mozos españois de entre 14 e 24 anos empregan o WhatsApp como canle preferente para comunicarse con familiares e amigos.
Un detalle significativo no informe de 2018 é o relativo aos cambios no consumo televisivo, de xeito que o consumo audiovisual diante do televisor comeza a igualarse ao doutras pantallas (ordenadores, móbiles e tabletas), e tamén está a medrar moito consumo en Smart TV.

Importantes indicadores recollidos no informe que amosan o avance de Galicia na Sociedade da Información

Vídeo promocional do informe elaborado pola Fundación Telefónica

PUBLICIDADE