A nova plataforma cultural e alternativa Revervas.com preséntase este domingo en Santiago

venres, 13 de xuño do 2014 Fernando Sarasketa

Este domingo a praza de Cervantes de Santiago vai dar acubilla á presentación dunha nova plataforma galega de índole creativa. Máis polo miúdo, abranguendo a parte da cultura que máis lonxe se manifesta dos circuítos oficiais. Trátase de Reverbas, plataforma de difusión de contidos artísticos e culturais de actualidade. O acto de presentación está previsto para as 18.00 horas e contarase coa presenza do equipo responsábel da posta en marcha desta iniciativa e de accións complementarias de celebración cultural, como por exemplo a plasmación dun graffiti en vivo da man de De festa en festa.
Reverbas nace como un Traballo de Fin de Grao do curso 2013-2014 de quince estudantes de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que verá a luz nos vindeiros días na ligazón www.reverbas.com. O seu propósito é “o de sacar á superficie toda unha cultura xuvenil subterránea que non prospera nos medios tradicionais de difusión”, sinalan. A plataforma encamíñase basicamente a satisfacer a demanda de contidos “novidosos e de calidade” de boa parte do público galego. Por certo que o nome de Reverbas é un xogo de palabras que vai dende a reverberación do son ata a fonética inglesa de reverb us, termo que significa “fainos eco”, “difúndenos”.

PUBLICIDADE