A novela Arnoia, Arnoia de Ferrín converterase en videoxogo

xoves, 2 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Sabíamos que a literatura galega é unha fonte inesgotábel de argumentos e persoeiros memorábeis para o cinema e as series de TV, pero se cadra non estaba tan clara a cousa en materia de vídeoxogos. Con todo, cómpre proclamalo aos catro ventos: temos un rico patrimonio literario e, con el, podemos construír un igualmente rico panorama de contidos de lecer dixital. Hoxe mesmo fomos testemuñas desta senlleira sinerxía, co anuncio da transformación en videoxogo da novela Arnoia, Arnoia (1985), de Xosé Luis Méndez Ferrín.
A iniciativa foi dada a coñecer polo coordinador do proxecto e axente cultural en Celanova, Antonio Piñeiro, a especialista en mercadotecnia dixital (e co-responsábel de Imaxin Software) Luz Castro, o profesor da Escola de Telecomunicación de Vigo, Martín López Nores, e o presidente da Deputación de Ourense (colaboradora deste proxecto), Manuel Baltar.
Segundo fixeron saber, a adaptación contribuirá a “trasladar a todos os públicos a riqueza literaria e turística de Celanova e da provincia de Ourense por medio dun formato innovador e interactivo”. Na xuntanza, celebrada no pazo provincial da Deputación, Baltar salientou que se trata dunha iniciativa que “mestura tradición e vangarda, e amosa a creatividade da nosa provincia no ámbito audiovisual, neste caso coa obra dun dos nosos escritores máis insignes como é Méndez Ferrín, unindo historia e innovación tecnolóxica”.
O proxecto, que terá versións en galego, español e inglés, busca“dinamizar didáctica e turisticamente as Terras de Celanova e da Baixa Limia; divulgar a literatura dos autores de Celanova alén dos libros; e tirar proveito das novas tecnoloxías para aproximar a literatura dos autores de Celanova á xuventude”. Tamén pretende “promover a dinamización local e o fomento do emprego por medio da creación de industria cultura baseada no patrimonio literario e cultural de Celanova e a súa zona de influencia”.
O videoxogo, que se poderá descargar como aplicación móbil para tirarlle partido en liña, virá complementado cun formato de xogo de mesa. A aventura consistirá en dispor unha serie de pescudas para percorrer no plano turístico a comarca de Celanova a través de xeolocalizacións, conxugando escenas de realidade aumentada con escenarios reais.
Na presentación de hoxe fíxose saber que a obra na que se basea o videoxogo narra a viaxe de Nmógadah, un mozo de dezaseis anos, un dos Príncipes Segredos das terras de Arnoia, na procura de aventuras. Entre os escenarios que figurarán nesta proposta audiovisual figuran o alcázar de Milmanda, a ponte de Freixo, Cortiña Grande, Castromao, os ríos Arnoia e Tuño e a Chaira, entre outros.

PUBLICIDADE