A novena ICC Week deixou sete días de actividade nunha ducia de localizacións de Ourense

mércores, 26 de abril do 2023 S. P.

A Deputación de Ourense celebrou os días pasados a novena edición da semana ICC Week, adicada a mostrar a puxante actividade das industriais creativas provinciais, galegas e estatais, poñendo o foco en ámbitos como as novas tecnoloxías, os videoxogos, os contidos, a arte urbana ou a música. Este luns 23 de abril celebrouse a última xornada no evento. Nela o presidente da Deputación, Manuel Baltar, expresou a súa satisfacción polo éxito de público e participación na novena edición da ICC Week, que desde o día 17 e ata o domingo desenvolveu unha ampla e variada programación que deixou na provincia e na capital “unha forte pegada cultural e creativa”, dixo.
Manuel Baltar engadiu que "o éxito estaba garantido" grazas a unha programación que, coordinada por Juan Rivas, ofreceu máis de vinte propostas en aspectos tan variados como a Intelixencia Artificial, a ilustración, ciencia, o sector audiovisual, a música, moda, radio ou os deportes electrónicos. Foron sete días de actividades que reuniron nunha ducia de localizacións da cidade e da provincia a preto de trinta relatores, ofreceu ata cinco concertos de música, dúas estreas audiovisuais e congregou a representantes de 14 países no XIII Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas.
Como dixemos, a Semana das Industrias Culturais e Creativas pechou a novena edición onte domingo no pavillón do colexio Mestre Vide da cidade, onde unha ampla representación da mocidade ourensá participou esta fin de semana na ICC eSports, unha cita cos deportes electrónicos combinando a competición e maila exhibición con oito novos talentos de toda España, ademais de torneos abertos a todos os asistentes e xogo libre en diferentes plataformas.
Con anterioridade, numeroso público congregouse nos xardíns do Padre Feijoó da capital para escoitar a música pop, fusión e blues de Vera Fauna, Amparo Sánchez e The Limboos, capítulo musical no que tamén destacou a presenza do que fora o líder do conxunto Cadillac, José María Guzman, e o concerto de Teo Cardalda e Soledad Gimenez coa estrea incluída do vídeo-clip Agua Soy, que percorre zonas de provincia vinculadas á auga e o termalismo e que contou na súa produción coa colaboración da Deputación. No mundo musical cómpre destacar ademais a presenza en Ourense do presidente de Sony Music España, José María Barbat, para falar do proceso de lanzamento de éxitos.
A ICC Week tamén incluíu un capítulo dedicado á radio, incluíndo a emisión desde Ourense dun programa de alcance nacional como Más de uno de Onda Cero, dirixido e presentado por Carlos Alsina. Tamén ofreceron ao público a súa visión sobre o mundo da radio en Ourense profesionais da talla de Pepa Fernández, Nora Sola e Moncho Blanco, ademais dunha edición especial do Foro La Región para abordar o fenómeno de Rock FM coa participación do xornalista e produtor Vicente "Mariskal" Romero, acompañado por directivos da emisora como Jorge Vileilla e Rodrigo Contreras.
A semana tamén serviu para acoller en Ourense a premier galega da película Honeymoon, dirixida polo coruñés Enrique Otero e protagonizada por Nathalie Poza e Javier Gutiérrez.
Ademais, unha das novidades deste ano na programación da ICC Week estivo no tratamento da Intelixencia Artificial e as súas aplicacións na sociedade actual, cunha experta de renome como Gemma Galdón, "e xunto coa alianza co campus universitario e coa Escola Superior de Enxeñaría Informática", destacou Manuel Baltar.

PUBLICIDADE