A organización do III Foro TIC e Sustentabilidade avoga por respectar o medio ambiente

xoves, 20 de maio do 2010 Raquel Noya

Ás veces pensamos tanto en estar ao día e en adquirir os últimos modelos tecnolóxicos da tenda que esquecemos que o medio ambiente deteriórase un pouco máis cada vez que nos desfacemos dos nosos portátiles ou dos nosos móbiles tan só porque quedaron un pouco obsoletos en comparación cos novos, cada vez máis modernos e sofisticados.
Porén adquirir tecnoloxía non debería ser unha causa de contaminación senón máis ben todo o contrario xa que o uso intelixente das TIC contribúe a diminuir as emisións de CO2 no mundo nun 15 por cento.
A clave está en usar as novas tecnoloxías con cabeza e intentando sacarlle o máximo rendemento sen deixar de respectar o medio ambiente.
Por exemplo, se o 20 por cento das viaxes de traballo da UE se substituíran por videoconferencias, o aforro sería de 22,3 millóns de toneladas de dióxido de carbono ao ano, unha cifra moi semellante ás emisións de todo o parque de turismos de España.
Precisamente para concienciar á sociedade disto, o secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, Francisco Ros, vén de inaugurar hoxe mesmo o III Foro TIC e Sustentabilidade: a Estratexia de Granada, clave para unha economía sostible, que se celebra hoxe e mañá en Sevilla para dar conta das medidas a tomar polos Gobernos para avogar polo respecto ao medio ambiente.
Este encontro, organizado pola Junta de Andalucía e a Asociación de Empresas de Electrónica, Tecnoloxías da Información e Telecomunicacións de España (AETIC), busca identificar as principais oportunidades tanto no sector TIC como nos diferentes sectores económicos, onde as TIC contribúen ao aforro enerxético.
Na súa intervención desta mesma mañá, o secretario de Estado sinalou que as TIC aparecen como tecnoloxías clave para contribuir a unha “economía eco-eficiente baseada na sustentabilidade” e apuntou que supoñen grandes posibilidades de aforro, de aumento de eficiencia e de mellores prácticas.

PUBLICIDADE