A partir de marzo, toca resintonizar os receptores de TDT

xoves, 3 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Coa TDT, informativamente falando, acontece que dá bo sinal cando non aparece moito nos medios. De aparecer agora, hai moitas probabilidades de que sexa por problemas de cobertura ou porque hai cambios que facerlle, dende os equipos responsables do seu despregue ou dende os seus usuarios directos, nós. E dito e feito. Aparte das leas que teñen estes días no Morrazo por problemas (precisamente) de sinal, cómpre engadir que o Ministerio de Industria vén de anunciar que a partir do 1 de marzo, se queremos ver todas as canles da TDT, teremos que volver a sintonizalas (a non ser, claro, que o noso aparello receptor sexa quen de facelo de xeito automático).
Isto débese a que a devandita data é a data límite para que determinados operadores se muden dos múltiplex dos que fan uso agora a outros novos. Isto forma parte do proceso de liberalización do dividendo dixital, un labor posto en marcha para ampliar parte do espectro radioeléctrico. O bo de todo isto é que non teremos que tocar ou reorientar as antenas, xa que as canles múltiples dixitais (múltiplex) ás que se trasladan as televisións xa son de uso común: a 67, a 68 e a 69.

PUBLICIDADE