A partir desta semana xa poderemos obter en liña certificados de nacemento e matrimonio

martes, 31 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

O ministro de Xustiza, o galego Francisco Caamaño

Semella que o abano de cousas que podemos facer a través da Rede vaise ampliando. E cando falamos de “cousas”, neste caso concreto, falamos de todos eses recados que nos obrigan a facer cola diante dunha administración, ou ben a desprazarnos fisicamente até esa administración, pudendo estar facendo outras cousas (con perdón de quen traballa no eido público) moito máis interesantes. Segundo informou o Ministerio de Xustiza os días pasados, a partir do 1 de xuño, os cidadáns que así o desexen poderán solicitar e obter os seus certificados de nacemento e matrimonio dende o seu computador.
A nova foi avanzada polo ministro de Xustiza, o galego Francisco Caamaño, quen salientou a gran vantaxe que este servizo pon en xogo: céibanos de perder tempo en longas fileiras ou ben facendo números para pedir citas.
Segundo avanzou, o único que se require é ter un DNI electrónico e un ordenador con acceso á Rede. Dende aí, teremos que conectarnos á web do Ministerio, onde se nos darán os pasos a seguir. Estes servizos únense aos postos en xogo recentemente para a obtención a distancia dos certificados de últimas vontades, de antecedentes penais e de seguros con cobertura de pasamento. De todo isto, emitíronse xa 345.000 documentos. Caamaño, ao tempo que deu a coñecer estas funcionalidades, lembrou que para este desenvolvemento da Administración Electrónica foi preciso o escaneo de toda a historia civil dos españois dende 1950. Ou sexa: 120.000 tomos, o que significa a cifra nada desprezable de 70 millóns de páxinas a dixitalizar.

PUBLICIDADE