A patronal rianxeira fai balance positivo da súa aplicación móbil, activa dende maio

venres, 11 de agosto do 2023 S. P.

A Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE) fixo un novo balance da actividade xerada pola súa aplicación móbil, Máis Rianxo, unha ferramenta segundo informa a patronal foi quen de “revolucionar a maneira de comprar e aforrar no municipio”. A app activouse en maio da man da ARE e dende aquela non parou de medrar coa incorporación de novos establecementos asociados. Trátase dun instrumento que contribúe a captar clientes e a manter no tempo aqueles cos que xa se contaba, sinala a ARE, que salienta a importante participación comunitaria posta en xogo arredor da aplicación.
En definitiva, a ferramenta destaca por “ofrecer aos clientes unha maneira única de aforrar mentres fomentan o desenvolvemento económico da vila”, apunta fontes da ARE, que recorda que o funcionamento da mesma é simple pero efectivo: “Con cada compra que se realiza nos negocios adheridos, as persoas usuarias acumulan unha porcentaxe de saldo que poderán empregar en futuras compras. Cada establecemento terá o seu propio saldo específico, que os clientes poderán usar para
aforrar nas súas compras futuras. O saldo dispoñíbel está listo para ser consultado en calquera momento directamente dende a app, ofrecendo aos usuarios unha visión clara das súas oportunidades de aforro”.
Dende a ARE tamén destacan que a aplicación “vai moito máis aló do simple aforro”, achegando “unha experiencia completa de compromiso coa comunidade e co comercio local”. Deste xeito, ademais de acumular saldo coas súas compras, os usuarios tamén terán acceso a sorteos, bonos e promocións especiais. Tamén, a través da app poderán manterse informados sobre eventos, actividades, ofertas e promocións en tempo real. “Isto”, explican dende a patronal, “non só enriquece a experiencia do cliente, senón que tamén reflicte o compromiso continuo da ARE e os seus socios coa súa comunidade”.
A resposta da veciñanza
A asociación fai saber que “a resposta dos usuarios está a ser moi positiva desde o lanzamento da app”, que está dispoñíbel para todas as persoas que desexen aforrar mentres compran e apoian aos comercios locais. Os usuarios poden descargar a aplicación de forma gratuíta desde App Store ou Google Play.

PUBLICIDADE