A plataforma I+dea informa das axudas para a innovación no audiovisual

martes, 17 de febreiro do 2009 Fernando Sarasketa

A plataforma audiovisual I+dea reuniu onte aos seus membros co obxectivo de darlles a coñecer as axudas en materia de Investigación e Desenvolvemento convocadas polos Gobernos galego e central. A reunión, que xirou arredor de cómo tirar o mellor proveito destes financiamentos en materia de optimizar pola vía do dixital recursos de creación, promoción e distribución, contou coa presenza de Antón Reixa, presidente da plataforma, e máis de Salustiano Mato, director xeral de I+D da Consellería de Innovación. Para este último, as axudas postas en xogo ao alcance do sector audiovisual son en si mesmas un método anticrise: van encamiñadas a impulsar un tecido económico, o fílmico e todo o que xira ao seu arredor, que se a apoia directamente sobre o coñecemento e a comunicación, valores alleos ás principais causas da recesión mundial. Máis polo miúdo, Mato centro a súa intervención en presentar as liñas principais do Plan Incite e das melloras para este ano: meirande orzamento e meirande especificidade nas modalidades de axudas. O gran obxectivo na presente convocatoria é, segundo informou, atender e apoiar a maior cantidade de iniciativas viables.
Pola súa banda, Antón Reixa tamén fixo fincapé na importancia de innovar e apostar por novas canles e ferramentas de creación como combustible extra para superar o parón económico, renovando dende a raizame o propio sistema de posta en marcha, promoción e venda de produtos, proceso para o que Galiza está perfectamente preparada, tanto no que se refire a talento creativo, subliñou, como no que atinxe a espírito emprendedor. A maiores, a idea da plataforma é afianzar na medida do posible as ligazóns entre os integrantes tradicionais do sector audiovisual e outros eidos profesionais a priori alleos pero xa non tanto: fabricantes de hardware, axentes das novas tecnoloxías da información, operadores de telecomunicacións ou investigadores.

PUBLICIDADE