A policía suíza emprega Google Earth para localizar marihuana

venres, 30 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

Google Earth estase a converter, sen querelo e por razóns que teoricamente escapan aos seus propósitos, nun dos meirandes pesadelos de quen leva a cabo na súa propiedade actividades ilegais a ollos da xustiza e que só se poden ver dende o ceo. Efectivamente, o cultivo de marihuana cumpre estes requisitos: lévase a cabo en leiras privadas ben protexidas, está considerado polas autoridades como unha lacra para a nosa sociedade e normalmente só se pode albiscar a través de dúas vías: as ulideiras desenvolvidas ou mediante unha vista de paxaro. Google Earth achégalle precisamente isto último aos corpos policiais, tal e como veñen de facer público os institutos armados suízos logo de localizar pola vía da ferramenta do buscador unha plantación de 7.500 metros cadrados.
O curioso da situación (en boa medida lamentable, tendo en conta a gran cantidade de drogas e de actividades varias legalizadas e infinitamente máis prexudiciais para a saúde dos cidadáns), é que o material incautado (1,2 toneladas de herba) foi visto a través dunha ferramenta habilitada para favorecer a comunicación e máis o coñecemento do noso medio e non para este tipo de accións policiais.
O achado do alixo, localizado na vila de Thurgau, carrexou a detención de dezaseis persoas e máis a confiscación de cartos e bens por valor de 900.000 francos suízos. Segundo informa Baquia.com, a plantación non se podía ver a simple vista ao estar agochada entre cultivos de millo, aínda que si era visible dende o alto.

PUBLICIDADE