A preparación da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia 2015 entra na súa recta final

martes, 16 de xuño do 2015 Redacción

Xa vai quedando pouco para a gran cita anual dos nosos profesionais TI, a Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, prevista para o vindeiro 26 de xuño en Santiago. O evento vén da man do CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia) e, igual que en anteriores convocatorias, acollerá a a entrega de recoñecementos ás iniciativas, profesionais e empresas da nosa terra que máis destacaron en 2015 en materia de innovación e empuxe tecnolóxico e dixital. Por certo que das premiadas e dos premiados polo CPEIG xa fomos dando conta ao longo destes meses, en pílulas informativas achegadas cada pouco. Por exemplo o galardón a Eva Dafonte, o que irá para a firma Teimas, o que salienta a traxectoria de Promedia, o de Benigno Rosón ou o de Miguel Anxo Ríos Fernández.
A estes cómpre engadir o que se lle vai entregar á iniciativa Galicia Open Future da operadora Telefónica (na categoría Premio Apoio á Iniciativa Emprendedora) e o que destacará a colaboración entre AMTEGA e a Consellería de Educación (Premio Iniciativa da Administración). Polo que atinxe ao Premio Fin de Carreira, aínda está pendente de fallo.
Volvendo á Noite, dicir que xa vai pola súa sétima edición, e que o obxectivo específico desta convocatoria é “incrementar a asistencia das nosas colexiadas e colexiados, reforzar o espírito de sentírmonos membros dunha mesma profesión e divertirnos un bo rato”, segundo informa o CPEIG, que engade que en cada convocatoria procúrase sempre mellorar todo o ofrecido e organizado na edición anterior.
Desta volta contarase cun espectáculo de maxia, ademais da presentación e actuación de Dani Delacámara e “unha chea de sorpresas e xogos que poderemos compartir coas nosas amizades durante o tempo do cóctel previo á entrega dos premios”.
En relación aos galardoados da presente edición da Noite, estas son as entidades, persoas e empresas distinguidas polas enxeñeiras e enxeñeiros informáticos galegos na edición de 2015:
· Premio e-Inclusión: Grupo Promedia, pola súa aposta pola integración, a través das novas tecnoloxías, das persoas con diferentes problemas da linguaxe.
· Premio Proxecto Fin de Carreira: pendente de fallo.
· Premio Iniciativa Emprendedora: Teimas Desenvolvemento, empresa de desenvolvemento software orientada a produto, que leva adiante a súa actividade no sector ambiental.
· Premio Iniciativa da Administración: Colaboración da Amtega e a Consellería de Educación na realización do Estudo sobre os Factores Influentes na Elección de Estudos Científicos, Tecnolóxicos e Matemáticos.
· Premio Traxectoria Profesional: Benigno Rosón, subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información do Servizo Galego de Saúde (SERGAS).
· Colexiado de Honra: Miguel Anxo Ríos Fernández, presidente da Real Academia Galega das Ciencias.
· Premio Apoio á Iniciativa Emprendedora: Telefónica Galicia Open Future, proxecto tractor que, mediante a convocatoria de emprendedores, impulsa a innovación tecnolóxica en sectores estratéxicos para Galicia.
· Premio Ada Byron: Eva Dafonte, enxeñeira superior informática que traballa na actualidade na Organización Europea de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra.
Segundo informa o Colexio, este ano contarase cun meirande número de patrocinadores, “un feito que dá conta do interese crecente que suscita o noso colectivo entre o empresariado e as institucións”.
Como patrocinadores ouro atópanse as seguintes empresas e entidades: Altia, Bahía Software, Cluster TIC Galicia, Emetel, Epson, Everis, HP-Intel, Indra, Oracle, Plexus, Telefónica, Vodafone e Xunta de Galicia.
Como patrocinadores prata están Acuntia, AGASOL, Atos, Avaya, Balidea, Cisco, Concello de Santiago, Deputación de Pontevedra, IBM, Idom, Ilux, Inforhouse, Inycom, Kaspersky, Microsoft-Solidq, Tecnocom e Telvent.

PUBLICIDADE