A presidenta de Siemens en España fala este martes en Santiago do motor da recuperación produtiva: a innovación

martes, 14 de maio do 2013 Redacción

Rosa García, antiga presidenta de Microsoft Ibérica e hoxe en día á fronte da división española doutra multinacional tecnolóxica de renome, Siemens, estará hoxe martes en Santiago para falar de Innovación e industrialización, as claves da recuperación económica. Baixo este epígrafe, García desenvolverá un relatorio no Hotel A Quinta da Auga, nun encontro profesional (con feitura de xantar-coloquio) convocado pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD). A presidenta de Siemens será presentada polo presidente da Zona Noroeste de APD, Honorato López Isla, e polo director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Javier Aguilera.
Rosa García, como lembraremos, é licenciada en Matemáticas e desenvolveu os seus primeiros anos como profesional en multinacionais como NEC, en Alemaña, e WordPerfect, en España. En 1991 comezou a súa carreira en Microsoft Ibérica como directora de Soporte Técnico e en 1995 trasladouse á sede central de Microsoft en Redmon (EE.UU.) para colaborar directamente co actual CEO e presidente, Steve Ballmer, como directora de Proxectos Estratéxicos Corporativos. No ano 2000 é nomeada directora xeral corporativa de Vendas e Mercadotecnia de Partners de Microsoft, volvendo a España dous anos despois, como presidenta de Microsoft Ibérica. En xullo de 2008 foi nomeada vicepresidenta de Microsoft Western Europe para a nova división de Consumo & Online. En 2011, informa APD, “regresa a España co propósito de desenvolver desde Siemens un importante papel no desenvolvemento sustentábel do seu país e de axudar á recuperación económica”. O potencial da innovación é para ela a gran panca de mellora da vida das persoas e a sociedade e o que lle motivou a incorporarse a Siemens. O coloquio-xantar de Compostela está previsto para as 13.45 horas.

PUBLICIDADE