A protección de datos centra a nova proposta formativa de A Proa

luns, 4 de abril do 2022 S. P.

O espazo de coworking de Ames, o centro A Proa emprazado no Polígono Novo Milladoiro, prosegue en abril a súa actividade formativa e capacitadora con novos obradoiros e charlas para persoas emprendedoras. Esta nova serie de actividades, que comeza este xoves 7 de abril, chega despois de que o mes de marzo se dedicara aos primeiros pasos dun proxecto ou dunha empresa, falando de métodos de traballo, definición de propostas, ou mesmo das vantaxes dun espazo colaborativo para iniciarse no emprendemento.
A primeira proposta de abril será Desafíos legais no emprendemento, unha charla impartida polas avogadas Marian López e Jessica Lavandeira, e que está organizado coa colaboración da comunidade en liña Iurisfacil.com. Trataranse temas como a alta para o inicio da actividade e os imposto de actividade económica, as facturas, a protección de datos, os contratos e cláusulas, as pólizas de seguros ou o rexistro de marcas, entre outros.
A actividade é de balde e conta con prazas limitadas, para as que as inscricións xa están abertas, premendo na ligazón específica habilitada.
Ao igual que en eventos anteriores, os obradoiros serán retransmitidos en directo e resubidos posteriormente ao perfil de Instagram do espazo A Proa. Para máis información, pódese visitar a páxina web espazoaproa.gal.
A Proa, como dixemos, localízase na entrada do parque empresarial Novo Milladoiro. O local, de 400 metros cadrados, conta con 36 postos de traballo, tres salas de xuntas, aulas de formación e eventos, unha zona de recepción, outra de reprografía, de descanso, aseos e un vestíbulo. O espazo pertence á Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña.

PUBLICIDADE