A revista PC Magazine abandona o papel

xoves, 20 de novembro do 2008 Marcus Fernández

A mediados de 1982 a editorial Ziff Davis comezou a publicar a revista PC Magazine nos EE.UU., resultando moi coñecida en España porque a súa marca foi a que utilizou a publicación PC Actual nos seus primeiros anos de vida. Pero esta histórica revista ten xa os seus días contados nos quioscos, xa que esta cabeceira de sona mundial chegará á rúa por última vez en xaneiro de 2009, centrando a súa actividade na súa edición en liña como reacción á caída dos ingresos publicitarios e da súa circulación.
A publicación chegou a ser a terceira de máis difusión nos EE.UU. (tras Time e Newsweek) pero segundo o seu director executivo, Jason Young, «dende o ano 2000 a Rede é o principal lugar onde os compradores de electrónica obteñen información e ao que os publicistas do sector dirixen os seus cartos», o que parece confirmar que na actualidade o 70% dos ingresos da revista proveñan da súa edición electrónica.
No mercado editorial español podemos ver nos últimos días unha operación semellante, pois o xornal Segunda Mano tamén deixa o papel para centrar a súa actividade na web.

Segunda Mano tamén deixa de editarse en papel

PUBLICIDADE