A revolución das radiocomunicacións, a debate na Coruña

martes, 6 de maio do 2008 Raquel Noya

O vindeiro xoves día 8 de maio, terá lugar no Club Financeiro Atlántico da Coruña a xornada técnica A revolución das radiocomunicacións: a radio dixital, organizada por ITC Grupo para analizar as aplicacións e o futuro desta canle de comunicación en Galicia.
O principal obxectivo deste evento será darlles a coñecer aos profesionais interesados a nova tecnoloxía DMR, que en España apenas se coñece, e que está indicada especialmente para usuarios profesionais xa que“supera ós demais sistemas empregados ata o momento”.
A xornada técnica será inaugurada ás 10:15 horas por Xoán Antón Pérez Lema, secretario xeral de Relacións Institucionais da Vicepresidencia e contará coa asistencia de Ignacio Salcedo, director de Comunicación de Motorola España, que conta “cunha gran participación no temario proposto”.
A primeira sesión de traballo correrá a cargo de Helena Veiguela, a directora xeral da Sociedade da Información e Promoción Industrial da Consellaría de Innovación e Industria que exporá o presente e o futuro das novas tecnoloxías en Galicia.
Asemade nesta xornada analizaranse as vantaxes das transmisións de información sobre DMR, as radiocomunicacións dixitais profesionais, por medio de consultores expertos na materia.
A xornada finalizará coa intervención do presidente de ITC Grupo, José Antonio Ferreira Dapía, quen exporá a súa visión sobre as radiocomunicacións en Galicia, analizando o seu pasado e o futuro que se prevé.

PUBLICIDADE