A sede coruñesa da Fundación Caixa Galicia abre unha mostra con guías persoais de excepción: os nosos móbiles

luns, 8 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa, Marcus Fernández

Imaxinemos unha tecnoloxía que por medio de algo de uso tan común como as ondas de radio permítenos ter comunicacións de voz e datos entre diferentes aparellos e, por iso (por sobrevoar o ar sobre as nosas cabezas), ceibarnos definitivamente das enleadas de fíos no fogar ou na oficina. Nisto consiste máis ou menos a tecnoloxía Bluetooth, un estándar global que non deixa moita marxe para unir emprazamentos moi afastados (precisaría dun alto consumo de enerxía) entre si mais que nos pon ó alcance da man unha chea de posibilidades se lle tiramos rendemento ó enxeño en espazos reducidos. Por exemplo: nun museo.
Neste caso concreto falamos dun espazo ó que lle acae o espírito innovador coma unha luva: o da Fundación Caixa Galicia na Coruña, onde se vén de poñer en marcha o que ben podería ser a primeira iniciativa mundial de emprego dos móbiles dos visitantes como guías persoais grazas ó Bluetooth.
O sistema, que se presentou este luns 8 pola mañá no devandito espazo coruñés, foi desenvolvido por unha empresa local que xermolou no viveiro da Universidade da Coruña: Nomasystems.
Este desenvolvemento, que implica a habilitación de antenas emisoras espalladas polo edificio, estréase coa mostra A forza da palabra. Centenario da Real Academia Galega (RAG). Nela, os visitantes que leven móbiles con Bluetooth poderán albiscar unha boa parte das posibilidades desta tecnoloxía: o primeiro elo da cadea virá da man de Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da RAG, quen lles dará a benvida á mostra nos dispositivos móbiles. Amais disto, o percorrido inclúe unha serie de locucións de audio por cada sala e perante cada obra, “información que se pode completar con anotacións na axenda de vindeiros actos, datos de contacto da entidade ou imaxes dalgunhas das pezas expostas”, segundo informa a Fundación Caixa Galicia.
O funcionamento do sistema é abondo sinxelo e, en contra do que se podería pensar, non envía información ó chou. É dicir: os datos que nos chegan ó móbil implican unha localización previa da nosa persoa, polo que poderiamos dicir que o sistema sabe perante que peza estamos. Ou sexa, que nos ten localizados, sendo o noso teléfono a baliza da que se axuda.
O proxecto baséase ademais noutras vantaxes: por unha banda, cada vez son máis os teléfonos no mercado que veñen preparados para sacarlle rendemento ó Bluetooth e, pola outra, xa poucos quedan onde non se poidan procesar contidos multimedia. Para a Fundación Caixa Galicia este que vivimos é probablemente o intre preciso para pór en marcha un proxecto de balde como este, agora que unha boa parte dos cidadáns acoden (por así dicilo) coa peza que fai que a devandita tecnoloxía funcione, o Bluetooth.
A isto hai que engadir o feito de que os móbiles seguen a venderse no Nadal como melindres nunha romaría, polo que é de supoñer que estes días moitos visitantes gozarán poñendo a proba ós seus respectivos agasallos.
Segundo a fundación, o que distingue este sistema en concreto de calquera outro é o doado do seu emprego e, tamén, a inclusión de contidos de imaxe, texto e vídeo (até o de agora, en experiencias previas doutros museos só se tirara rendemento do son, principalmente, engaden os responsables da proposta).

PUBLICIDADE