A segunda edición da Geocamp chega a Coruña

mércores, 4 de xuño do 2014 Redacción

Intercambiar experiencias, coñecementos e valores arredor das tecnoloxías da información xeográfica (XEO) e facelo nun formato de “desconferenza” (sen programa previo) podería ser un resumo do que será a segunda edición da versión estatal da Geocamp. O evento en cuestión celebrarase o vindeiro 21 de xuño nun centro social de intervención artística, situado nun antigo almacén da estación de tren de A Coruña, A Casa Tomada. Cómpre dicir que a Geocamp ES está organizada pola agrupación Xeoinquedos e a asociación GHANDALF.
E en que consiste unha Geocamp? Ten a súa orixe no concepto de Barcamp e trátase dunha xeo-desconferenza, un encontro onde todos os participantes toman un papel máis activo dentro da creación do propio evento.
Na edición do ano 2013 máis de 50 persoas xuntáronse na localidade de Bouzas (Vigo), chegados de varios puntos de España e mesmo dende Estado Unidos, procedentes de entidades públicas, empresas punteiras no sector XEO a nivel mundial, administracións, freelances...
Na edición deste ano contarase de novo coa participación de empresas e organizacións do eido local, nacional e internacional, con gran importancia dentro do panorama XEO, o que permitirá aos asistentes, poder aprender, coñecer e compartir iniciativas arredor do mundo da información xeográfica. Estarán presentes: CartoDB, empresa punteira na visualización de datos xeográficos con sedes en Madrid, Nova York e Berlín. Glob3 Mobile, empresa a cabalo entre Cáceres e Washington, especializada na visualización 3D. Algún membro do Board da Fundación OSGeo, OSGeo Portugal e ESRI España, quen virá falar do seu achegamento ao software libre.
Para máis información sobre o evento pódese visitar o seu blogue. No caso de querer participar só será preciso rexistrarse nesta ligazón.
Engadir, por último, que esta actividade forma parte das actividades que Ghandalf realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE