A segunda edición de Ignicia selecciona 25 proxectos potencialmente transferíbeis ao mercado

mércores, 1 de agosto do 2018 Redacción

Acto de sinatura para o impulso da segunda edición de Ignicia

O Programa Ignicia vén de chegar á segunda edición, co propósito firme de facer que as nosas investigadoras e investigadores estean acompañados de recursos e apoios para os seus proxectos innovadores e potencialmente transferíbeis ás empresas. Ignicia, impulsado polo Goberno galego e a Fundación Barrié, vai impulsar este ano un total de 25 iniciativas (das medio cento delas que finalmente foron presentadas). Aquelas foron dadas a coñecer hoxe polos responsábeis do programa, trala xuntanza na sede da axencia GAIN, en Santiago, do comité avaliador. Son dúas ducias de proxectos, boa parte deles tecnolóxicos, procedentes de organismos públicos e privados de investigación.
En concreto, nove corresponden á Universidade de Santiago de Compostela; seis á Universidade de Vigo; catro á Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela; tres ao Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións (Gradiant); dous á Universidade da Coruña; e un á Fundación Biomédica Galicia Sur.
Segundo informa GAIN, destas 25 propostas, preto da metade (12) están aliñadas co reto 3 da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), cuxo obxectivo é “conseguir un novo modelo de vida saudábel baseado no envellecemento activo”; mentres que un 44% (11 propostas) están vencelladas ao reto 2, que persegue un novo modelo industrial.
Ademais, un 8% (2 propostas) dos proxectos están aliñados co reto 1, que busca a modernización dos sectores primarios a través da innovación.
En canto á súa distribución por sectores, o sector maioritario no que se centran os proxectos é o da biotecnoloxía, aplicada á saúde e á industria, e máis as TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación).
Para acometer esta primeira escolma, realizáronse catro avaliacións individuais de cada proxecto, co apoio dun equipo formado por tres expertos de Oxentia (Oxford Univiersity Innovation).
Como lembraremos, a primeira edición de Ignicia permitiu apoiar un total de 9 proxectos cun investimento de 4 millóns de euros en sectores como as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), o aeronáutico e a biotecnoloxía. Tamén se favoreceu a creación ou mantemento de 61 postos profesionais de alta cualificación e a posta en marcha de empresas de alicerce tecnolóxico.
Para a segunda edición do Ignicia o Goberno galego investirá tres millóns de euros ata 2020. A través do acordo asinado entre a Xunta e a Fundación Barrié por valor de máis de 430.000 euros (a Xunta financia 400.673 euros) levaranse a cabo accións formativas e a realización conxunta de actividades propias da xestión dun fondo de proba de concepto coa finalidade de “levar ao mercado os resultados científico-tecnolóxicos xerados nos centros de coñecemento galegos con potencial para a súa comercialización, ben sexa a través de licenzas ou a través da creación de spin-offs”.
Na primeira edición, dos 9 proxectos que se apoiaron, un total de cinco convertéronse en empresas universitarias e os catro restantes foron mediante acordos con licenza.

PUBLICIDADE