A segunda edición de Youtubeir@s entregará 5.500 euros en premios

venres, 29 de decembro do 2017 Redacción

As entidades impulsoras da segunda edición do certame Youtubeir@s, destinado a encher a Rede de contidos audiovisuais na nosa lingua (facendo especial fincapé en YouTube), non queren rematar o ano 2017 sen lembrar o seu cometido (incrementar a presenza do galego na rede social de vídeos máis grande do mercado global), os xeitos de participar no concurso e os interesantes premios que se poñen en xogo para as gañadoras e gañadores. Segundo nos recorda hoxe a Universidade de Santiago, a segunda edición xa está en marcha, acollendo vídeos de opinión ou videotitoriais sobre os máis variados temas de interese. En total, o certame entregará 5.500 euros en premios repartidos nun conxunto de categorías que incrementan o seu número con respecto ao pasado ano.
Por modalidades, a convocatoria contempla os apartados de vídeos-facermos, vídeos-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica ou calidade lingüística.
A USC tamén recorda que outra das novidades desta segunda convocatoria é o apartado Premio do público. As persoas usuarias da rede social Facebook poderán propoñer a través dun simple comentario no perfil de Youtubeir@s un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo cancelo #propostayoutubeira. As pezas propostas han de axeitarse ás categorías de vídeo-facermos e vídeo –opinarmos. As bases ao completo pódense consultar no web www.youtubeiras.gal e os premios entregaranse o vindeiro 20 de abril de 2018 nun acto público na Coruña no que o xurado dará coñecer os vídeos gañadores.
A nova convocatoria promóvena os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, de nove concellos (Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove) e a Deputación da Coruña.

PUBLICIDADE