A semana que vén ábrese o rexistro de dominios .app

mércores, 2 de maio do 2018 Marcus Fernández

Nos últimos anos non foron poucos os novos dominios de primeiro nivel que foron chegando ao mercado para competir co .com, o .net ou o .org, aos que agora súmase tamén o .app, un dominio promovido por Google, e que busca convertese nun referente para amosar aplicacións móbiles ao mundo e facilitar as súas ligazóns de descarga e información detallada.
Un dos detalles máis salientables que terán os dominios .app é que as súas normas obrigan a que operen empregado conexións cifradas, ou sexa, que operarán baixo HTTPS para unha maior seguridade. De feito, Google leva bastante tempo promovendo o uso de HTTPS por parte de todas as páxinas web, conseguindo así unha web máis segura ao dificultar a espionaxe en redes Wi-Fi abertas ou incluso dificultar a distribución de malware.
Os dominios .app levan un tempo activos para algunhas aplicacións pioneiras que gozan de dominios como cash.app, picnic.app, call.app, bark.app, outfits.app o podcast.app, pero a partires do 8 de maio abrirase o seu rexistro ao público xeral, contando tamén coa posibilidade de facer rexistros anticipados o día anterior (a un prezo superior, para poder gozar de tal prioridade).

PUBLICIDADE