A sextorsión dispararase nos anos vindeiros de non aplicarmos máis medidas de precaución

venres, 5 de setembro do 2014 Redacción

Entre os males que se derivan dun mal uso das novas tecnoloxías da información (que non simplemente de usalas) está unha práctica que se denomina sexting, da que falamos estes días porque figura entre as costumes dunha parte (polo de agora miúda, arredor do 4%, pero todo indica que se vai incrementar) dos internautas novos da nosa terra. Así se certifica no informe Mocidade en liña. O sexting, para entendernos, consiste en enviar (voluntariamente ou non) fotos ou vídeos de contido erótico ou sexual por medio de Internet. As implicacións destas prácticas poden ser de longo alcance se o envío é voluntario, pero dispáranse se no sexting media roubo de información. Estes días nos que se fala tanto desta costume en liña (coas fotos íntimas da famosas pasando dun lado a outro da Rede), Kaspersky Lab vén de amosar unha serie de consellos para evitar as súas consecuencias.
Para comezar, a compañía de seguridade informática lembra que calquera pode converterse en vítima dun roubo de información, fotos ou vídeos. “Un claro exemplo”, di, “é o acontecido esta semana con fotos comprometidas de famosas, almacenadas en iCloud, que saíron á luz”. Para a empresa, un dos grandes males da Internet actual, ou do seu mal uso, é sen dúbida a chantaxe sexual, coñecida como sextorsión, unha práctica na que alguén, un cibercriminal, conta con contido privado doutros individuos (normalmente fotos ou vídeos) e ameázaos con facelo público en Internet, a menos que as vítimas paguen con algún favor, en ocasións de índole sexual. Noutras palabras, o criminal esixe máis fotos ou vídeos, ou que a vítima realice un pago, baixo a ameaza de publicar e difundir devanditos contidos se non o fai. Isto realízase de diferentes xeitos, ben instalando programas espía no computador ou no dispositivo móbil da vítima, ou controlando a súa cámara web, ou tamén levando a cabo tácticas de suplantación de identidade (en liña), o chamado phishing, descargando programas que son quen de roubar contidos directamente dun computador alleo. A sextorsión tamén se pode materializar roubando computadores ou trebellos móbiles.
Isto reforza a teoría de Kaspersky de que “calquera pode converterse en obxecto dun roubo, aínda que non todos gardemos nos dispositivos esta clase de fotos ou vídeos”. A firma conclúe cunha serie de medidas a pór en práctica para protexermos documentos e minimizar riscos, medidas que deberán ir alén de facer copias de seguridade. Ou sexa, que cómpre que o usuario poña “algo da súa parte”. O primeiro e máis importante: non debemos almacenar nunca nos nosos dispositivos información que poida prexudicarnos. De tela, débese protexer cun contrasinal. Tamén convén evitar que calquera persoa instale un malware ou un spyware no noso computador. Para acadalo, non se debe acceder a ligazóns sospeitosas dende as que nos envíen correos electrónicos, cómpre que teñamos coidado coas web que visitamos e asegurarnos de que o noso sistema operativo e todos os seus programas están actualizados. Ademais, hai que vixiar o computador cando estamos en lugares públicos e non conectar dispositivos descoñecidos aos nosos equipos ou móbiles. Outro consello a ter en conta, fundamental, é ter posto un antivirus eficaz no móbil ou no computador.

PUBLICIDADE