A tarxeta sanitaria electrónica de Galicia recibe unha acreditación de recoñecemento de calidade

luns, 4 de xaneiro do 2010 Raquel Noya

A Unidade de Tarxeta Sanitaria de Galicia, dependente da Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación da Consellería de Sanidade, vén de recibir a renovación da súa certificación de calidade, a ISO 9001-200, agora convertida na norma ISO 9001:2008, un agardado recoñecemento do alto nivel acadado que se da por primeira vez en Galicia e en España.
No Sistema de información de tarxeta sanitaria, de referencia do Servizo Galego de Saúde, está recollida a totalidade da poboación galega con dereito a asistencia sanitaria pública, e a tarxeta é, segundo veñen de informar dende a Xunta de Galicia, “o documento que acredita aos cidadáns galegos para recibir a asistencia sanitaria”.
Na actualidade, o número de cidadáns con esta tarxeta que posibilita unha xestión máis áxil das citas, a prescrición de receitas e a implantación da historia clínica electrónica é de 2.775.439, e o sistema emite unhas 50.000 novas altas cada ano.
O Sistema de Información tense consolidado “como referencia dos aplicativos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde ao manter unha base de datos actualizada de todos os cidadáns e a súa relación coa carteira de servizos sanitarios”. Deste xeito, todos os aplicativos que empregan datos da poboación ou de recursos sanitarios, como o rexistro de metabolopatías, vacinas, detección precoz do cancro de mama, citas de atención primaria, transporte sanitario non urxente, visado de receitas ou programas hospitalarios, entre outros, están integrados nel.
Asemade, cada cidadán está identificado no sistema univocamente por un Código de Identificación Persoal, así como os profesionais relacionados co Servizo Galego de saúde e coa Consellería de Sanidade, que están rexistrados a través dun Código Numérico Persoal. Realizase a acreditación electrónica dos profesionais, imprescindible para a implantación da historia clínica informatizada (IANUS) e receita electrónica.
A renovación da certificación de calidade ISO 9001:2008 alcanza diversos servizos, como a tramitación da emisión, actualización e estampación da tarxeta sanitaria; a xestión do acceso á asistencia sanitaria das persoas sen recursos económicos suficientes e estranxeiros; o mantemento e a actualización das bases de datos do sistema poboacional e de recursos sanitarios da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde; e a acreditación electrónica dos profesionais relacionados con estes departamentos.

PUBLICIDADE