A tecnoloxía como resposta ao envellecemento da nosa poboación, a debate este venres da man de Gradiant

venres, 24 de xaneiro do 2014 Redacción

Este venres ao longo de toda a mañá celébrase a I Xornada de Transferencia Tecnolóxica sobre eSaúde, tal e como avanzamos os días pasados dende Código Cero. O evento vén da man do centro galego de I+D Gradiant, que desenvolverá demostracións das máis recentes tecnoloxías de seu para o eido da atención médica, baseadas en dous feitos que están fóra de toda dúbida: por unha banda as moitas vantaxes que poden achegar as tecnoloxías no coidado a doentes e pola outra a realidade social da nosa contorna, cunha taxa de envellecemento cada vez maior que nos fai adiviñar, en palabras de Gradiant, “un futuro no que a personalización dos tratamentos, a prevención de accidentes e o coidado extremo dos datos cobran unha importancia capital”.
Segundo engaden fontes do centro tecnolóxico emprazado en Vigo, “o modelo sanitario muda a unha velocidade de vertixe grazas ás achegas constantes das novas tecnoloxías, pero é preciso un paso máis aló, un paulatino cambio de paradigma, para aproveitar as vantaxes que ofrecen os avances tecnolóxicos froito do esforzo de empresas e institucións dedicadas á I+D”.
Deste xeito, unha boa do futuro da saúde poderá verse este venres na sede de Gradiant, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia: dende cámaras que son quen de calcular o ritmo cardíaco dunha persoa con só ver a súa faciana, até sistemas que mediante sensores poden facer un seguimento dos movementos dun paciente, pasando por radares que detectan o ritmo respiratorio, Internet das Cousas (IoT), ou sistemas de realidade aumentada para axudar aos profesionais sanitarios no seu labor. “Todo iso desenvolvido en Galicia”, explica o centro galego, “aproveitando o talento investigador do que dispomos na comunidade e as ideas que nacen ao abeiro dun centro como Gradiant”.
Este venres, a sede do centro recibirá a visita de máis dun centenar de profesionais e empresas de primeiro nivel do devandito eido das tecnoloxías aplicadas aos eidos médicos e social, chegados desde todos os recunchos do Estado, para asistir á I Xornada de Transferencia Tecnolóxica sobre eSaúde. Os relatorios reunirán expertos das principais empresas mundiais en I+D, como IBM ou Indra, representantes da Axencia Galega de Innovación, da Comisión Europea, da Xunta de Galicia, das principais empresas TIC de Galicia e de hospitais de referencia a nivel nacional, co acento posto na demostración das últimas tecnoloxías desenvolvidas en Gradiant con aplicación neste campo da eSaúde.
Esta xornada de transferencia é posíbel grazas ao apoio do proxecto europeo Liftgate, financiado desde o Programa Regpot do Sétimo Programa Marco da Comisión Europea. Tanto un coma outro programa, sinala Gradiant, supoñen un selo de prestixio para o centro galego, “dado que estes proxectos outorgáronse -cun nivel moi alto de competencia- a entidades situadas en países de converxencia coma o noso que amosaron o potencial preciso para xogar na primeira división europea, pero sen os recursos suficientes para facelo en plenitude de condicións”.

PUBLICIDADE