A tecnoloxía do ITG permitirá o tráfico automatizado de drons na Coruña e Ferrol

mércores, 10 de abril do 2024 S. P.

A Coruña e Ferrol contarán coa tecnoloxía do ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia) que permitirá o tráfico automatizado de vehículos aéreos non tripulados (UAV) en 2026. Isto, en palabras do ITG, significa que na devandita data ambas as cidades estarán listas para a despregadura no seu espazo aéreo de centos de drons que darán servizos comerciais “de forma segura e coordinada entre si e con outras aeronaves”.
Con este horizonte e no marco de grandes demostradores europeos promovidos pola Unión Europea coa participación conxunta de empresas e administracións traballa o Centro Tecnolóxico ITG, un dos principais actores no desenvolvemento tecnolóxico do espazo europeo para drons, coñecido como U-Space. A este respecto, o instituto lembra que en España xa existen cidades e comunidades autónomas en camiño de ser as primeiras zonas U-Space. É o caso de Galicia, coa Coruña e Ferrol á cabeza; a Comunidade Valenciana; Zaragoza; Madrid; Sevilla; Fuerteventura; Xaén; Cataluña ou Navarra, que están xa traballando en xerar un ecosistema propicio para o desenvolvemento do U-Space.
Analía López Fidalgo, directora da área de Sensórica e Sistemas Aéreos non Tripulados en ITG, asegura que “en pouco tempo os ceos das nosas cidades estarán preparados para albergar un gran número de voos de vehículos UAV prestando servizos relacionados como emerxencias, vixilancia e inspección, rescate de persoas, entrega de material médico, repartición de mercadorías ou transporte de persoas”. En canto aos custos de implantar esta tecnoloxía, aínda por definir, López Fidalgo é contundente: “O U-Space non debe ser un luxo: ten que ser un servizo ao tecido industrial e ao cidadán que permita poñernos á cabeza dunha industria puxante con potencial para xerar centos de empregos e un importante retorno á sociedade”.
O centro tecnolóxico con sede principal na Coruña xa desenvolveu unha ferramenta que permite o control de tráfico aéreo non tripulado en escenarios complexos e calquera ámbito xeográfico. A plataforma DALIAH, en palabras do ITG “unha das máis avanzadas en Europa”, permitirá a integración eficiente e segura de vehículos UAV no espazo aéreo, o que, segundo afirma o instituto, “será clave para a democratización dos servizos de mobilidade aérea urbana no futuro, permitindo habilitar aerovías urbanas baixo demanda e en tempo real.”
Ademais deste desenvolvemento, actualmente ITG está a levar a cabo un traballo pioneiro de análise, definición de requisitos e certificación da tecnoloxía para que esta realidade sexa posíbel nos ceos das nosas cidades. Así, nunha primeira fase está a definirse o volume U-Space, unha tarefa que implica analizar os riscos e detallar todas as operacións de voo posíbeis, definindo os requisitos operativos e de seguridade con todas as partes implicadas a nivel operativo. Posteriormente, o ITG certificará a tecnoloxía que dará servizo aos operadores que queiran conectarse e voar nese espazo aéreo en operacións de inspección e control, de loxística sanitaria e comercial, proxectos audiovisuais, servizos de lecer ou recreativos.
ITG é un dos socios de U-ELCOME encargados de levar a cabo probas para mostrar aos operadores de drons como é a tecnoloxía de xestión de tráfico aéreo á que terán que conectarse durante as súas operacións. Así, durante o mes de marzo leváronse a cabo probas reais de voo conectado a DALIAH, que contaron coa participación de INECO, a Axencia Galega de Emerxencias ou as empresas Aeromedia e Aerocámaras, entre outras. As probas fixéronse tanto no porto exterior da Coruña como en Galaxy-Lab. En 2024 están previstas outras dúas campañas de voo.
Así mesmo, en colaboración con SENASA, a entidade pública en España de referencia para a formación e consultoría neste ámbito, ITG impartiu un obradoiro en liña para mostrar aos operadores de drons como lles afectará na práctica, nas súas operacións, a regulación U-Space. E o 14 de marzo organizou unha xornada profesional que contou coa participación de representantes de ENAIRE, SENASA, Aeromedia, Aerocámaras, Policía Local da Coruña e a Autoridade Portuaria de Ferrol, ademais de ITG.

PUBLICIDADE