A tecnolóxica lucense Noa Innova achega formación de balde aos traballadores confinados

luns, 16 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Rosa Feijoo e José María López Bourio, impulsores de Noa Innova

A empresa lucense Noa Innova, firma tecnolóxica centrada en recursos e contidos para facilitar o eLearning (o ensino a distancia), vén de lanzar unha iniciativa solidaria con motivo das medidas a tomar para frear a pandemia do COVID-19 e co obxectivo de atenuar na medida do posíbel as longas estadías dos traballadores que se vexan obrigados a pasar o período de corentena nos seus domicilios. En concreto, a iniciativa consiste en axudar aos profesionais con 2.000 bolsas de balde en cursos de teleformación: actividades formativas en liña de alto nivel para que “aproveiten estes días co confinamento complementando a súa aprendizaxe a través de Internet”.
Noa Innova, consciente de que os empregos en moitos sectores “van sufrir a consecuencia desta pandemia” e de que multitude de traballadores “veranse obrigados a ficar nos seus domicilios”, fixo un esforzo especial en posibilitar que os dous milleiros de bolsas non tivesen “custe algún”, nin para os traballadores nin para as empresas.
As axudas postas en marcha pola empresa lucense poderanse cursar a través dunha plataforma propia (da que temos informado en Código Cero con motivo do seu lanzamento) que funciona 24 horas ao día, 7 días á semana e é apta para dispositivos móbiles.
As temáticas dos cursos céntranse no ámbito das novas tecnoloxías, a innovación dixital, o ecommerce, a mercadotecnia, a programación, o talento, a cultura e a empresa dixital, así como os idiomas, a xestión empresarial, a loxística, as habilidades brandas e as relacións humanas eficaces. Segundo informa a empresa, todas as actividades formativas son de alto nivel e aplicábeis ao posto de traallo.
As persoas interesadas poden solicitar máis información e condicións para formalizar a matrícula a través da web de Noa Innova, ou do correo eléctrico formación@noainnova.com.

PUBLICIDADE