A terceira edición de Irmandiños, ao completo na Rede

luns, 18 de agosto do 2008 Fernando Sarasketa

Logo do éxito das dúas anteriores edicións, Vicepresidencia da Xunta vén de anunciar que volve á carga cunha terceira convocatoria do seu xogo de rol Irmandiños, unha proposta feita á medida de todos aqueles e aquelas que queiran revivir tempos pasados e sen necesidade de empregar unha longa listaxe de esforzos no desenvolvemento dunha máquina do tempo. Máis polo miúdo, os tempos que se reviven son os das loitas irmandiñas, as que enfrontaron hai séculos en Galiza aos cabaleiros minoritarios que ficaban coa maior parte das terras e das riquezas e aos labregos maioritarios que tiñan a parte máis pequena das mesmas.
O xogo, que non se desenvolve na Rede mesma senón que é presencial e en vivo (trátase da actividade destas características de maior envergadura, segundo se especifica no libro Guiness), ten –malia todo- unha serie de importantes vínculos coa Internet. De feito é a través dela e da web propia de seu onde se nos indica como inscribírmonos no xogo (a partir de xa, celebrándose aquel do 26 ao 28 de setembro no Castelo de Monterrei) e é a través dela como poderemos obter toda a información xeral concernente a esta terceira convocatoria.
A actividade, desenvolvida pola Dirección Xeral de Xuventude de Vicepresidencia e 13 Negativo (autor do xogo) está ambientada no século XV, durante a Segunda Revolta Irmandiña, e os xogadores participarán nun dos seguintes bandos: Irmandiños (295 personaxes) ou malfeitores (205).
Para efectuar a inscrición, as persoas interesadas, que deben ter entre 18 e 35 anos, poden realizar a reserva de praza entre o 18 de agosto e o 18 de setembro, de 9,00 a 14,00 horas, ben persoalmente na Dirección Xeral de Xuventude (Edificio Administrativo San Caetano, Bloque III, 1º. Santiago de Compostela) ou ben nos teléfonos 981 545 937, 981 545 702 ou 981 544 869.

PUBLICIDADE