A terceira parte dos galegos decántase por solicitar citas online ao SERGAS

luns, 18 de marzo do 2019 Redacción

O uso das novas tecnoloxías esténdese máis alá dos usos que lle supoñemos principais: buscar información en termos xerais. Dun tempo a esta parte, o dixital espállase en todo tipo de ámbitos, como por exemplo o relacionado coas nosas xestións coas administracións. No caso da contorna sanitaria, non hai excepción. O Servizo Galego de Saúde, facéndose eco dos datos do Barómetro Sanitario de 2018 (Ministerio de Sanidade), vén de confirmar que a terceira parte da poboación galega (o 32,7) empregou o pasado ano a Internet para pedir unha cita de atención primaria.
A porcentaxe é superior en algo máis de 5 puntos á media do resto de España, que era do 27,6 ao remate do ano pasado, engaden dende o SERGAS.
Amais, o informe reflicte que preto da metade da cidadanía enquisada, o 45%, refire que usou o teléfono para solicitar unha cita co seu médico de cabeceira, mentres que un 19% dos galegos a solicitou de forma presencial, acudindo directamente ao seu centro de saúde (a nivel estatal esta porcentaxe sitúase no 25,3%).

PUBLICIDADE