A transformación social de iTunes comeza con forza pero mal pé

luns, 6 de setembro do 2010 Marcus Fernández

Durante a presentación musical de Apple da semana pasada Steve Jobs presentou un novo servizo chamado Ping que integraba elementos de redes sociais á aplicación de reprodución multimedia iTunes 10, o que aparentemente está a ser un éxito xa que nas súas primeiras 48 horas rexistrou máis dun millón de usuarios, o que serían aproximadamente 1 de cada 3 usuarios da nova versión de iTunes.
Pero esta nova plataforma social que busca mesturar Twitter e Facebook coa música para competir con Spotify e Last.fm (entre outros servizos) naceu coxa, e a última hora eliminaron de Ping a posibilidade de conectar con Facebook (coma fai Spotify) facilitando a incorporación de amigos a esta plataforma, o que parece vir provocado por excesivas esixencias por parte de Facebook para tal integración.
Ping tamén ten outros problemas polo feito de que xa está a ser vítima do spam, polo momento só os artistas poden publicar mensaxes para que sigan os seus seareiros (cando os comentarios do público poderían ser moi interesantes), o sistema está sometido a un control excesivo (ata o avatar de cada usuario precisa da aprobación de Apple) e polo momento Ping non está accesible vía web.
Haberá que agardar para ver a evolución desta plataforma con moito potencial, pero que podería fracasar se Apple non flexibiliza o seu uso.

PUBLICIDADE