A veciñanza de Poio pode presentar reclamacións no Consistorio en materia de dotación de fibra óptica

venres, 16 de xullo do 2021 S. P.

O Concello de Poio impulsou este verán a posta en marcha dun servizo de asesoramento para a veciñanza, a través do cal poderán presentar as súas reclamacións e consultar dúbidas vencelladas á dotación de fibra óptica. Esta iniciativa vén da man do departamento de Urbanismo e Promoción Económica que dirixe Gregorio Agís. O edil do PSdeG-PSOE explica que será un técnico municipal o encargado de atender á cidadanía, todos os xoves en horario de 12.00 a 14.00 horas, a partir deste mes de xullo.
“O que faremos será tomar nota das reclamacións das persoas afectadas polos incumprimentos acometidos por parte da empresa Telefónica á hora de dotar de fibra óptica a determinados lugares do noso municipio, a pesar de contar con todos os permisos e xestións que corresponden ao Concello”, explica o concelleiro do Goberno local, que sinala que esta oficina da Casa Consistorial tamén servirá para “asesorarse e responder a calquera dúbida relacionada con este tema”.
O obxectivo último, sinala, é atopar solucións a ausencia de fibra óptica en zonas de diferentes parroquias. Agís lembra que esta empresa “ten a obriga de dotar deste servizo ao 100% do municipio antes de que finalice o ano, tal e como establece o Plan Sectorial de Despegue de Banda Ancha”. A posta en funcionamento desta oficina de reclamacións xurdiu apenas uns días despois de que a xunta de Goberno local dese o visto bo a un proxecto impulsado para despregar a instalación de fibra a todos os fogares de Poio, co obxectivo de prestar servizo ás cinco parroquias, fomentando a libre competencia.

PUBLICIDADE