A veciñanza de Santiago favoreceu a recolección de 3.299 aparellos electrónicos e eléctricos grazas a Tropa Verde

xoves, 29 de decembro do 2016 Redacción

A iniciativa ecolóxico-tecnolóxica Tropa Verde, impulsada polo Concello de Santiago e pola empresa local Teimas para recoñecer co diversos premios a conciencia ecolóxica da cidadanía, vén de pechar un ano de éxito. Segundo sinala o Goberno local, Tropa Verde desenvolveu en 2016 un total de 11.000 accións ambientais e foi quen de acadar 2.000 usuarios rexistrados e outros tantos participantes nas actividades escolares. Asemade, fixo posíbel a recolección de 3.299 aparellos eléctricos e electrónicos.
Son algúns dos datos máis importantes do balance do proxecto que o Concello ten en marcha en colaboración con Teimas Desenvolvemento. No informe tamén se di que a Tropa Verde conta xa con 115 establecementos colaboradores, responsábeis de entregar unhas recompensas aos veciños e veciñas máis concienciados coa reciclaxe, que xa superan o valor de 15.000 euros. Asemade, houbo unha chea de campañas de concienciación ambiental sobre reciclaxe, unha boa parte delas nos centros educativos. Nestas campañas salientouse a importancia de cousas como recoller o aceite de cociña usado ou impulsar a reciclaxe e segundas vidas de aparellos informáticos.
En termos concretos, Tropa Verde diríxese a recompensar o compromiso da cidadanía co medio ambiente e coa xestión sostíbel de refugallos (electrónicos e eléctricos, pero tamén de outros moitos tipos). Dito doutro maneira: trátase de recoñecer os esforzos das veciñas e veciños a prol da reciclaxe e o tratamento axeitado das cousas que xa non usan e que se poden reutilizar. O proxecto púxose en marcha en 2015 e foi concibido como un xogo responsábel cunha contorna ben concreta (as rúas de Compostela) e con recompensas a xeito de descontos e premios nos comercios e a hostalería local. Para facilitar a entrega destes residuos, o Concello de Santiago e Urbaser achegan os puntos limpos de Piñor e do Tambre, e o Punto Limpo Móbil. Tamén colaboran os centros socioculturais.
Para participarmos na iniciativa Tropa Verde temos que rexistrarnos coa nosa conta de correo ou coa de Facebook. Logo de facer depósitos de refugallos (pilas, aceites, electrodomésticos, móbiles, móbeis, etc) nos sitios de recollida indicados e habilitados, recibiremos un cheque que teremos que trocar na páxina web tropaverde.gal por unha serie de puntos en forma de estrelas que se poderán cambiar polas recompensas ofertadas.

PUBLICIDADE