A versións candidata e final de Windows 7 poderían estar listas en maio e agosto respectivamente

mércores, 18 de marzo do 2009 Marcus Fernández

O Windows 7 Build 7057 leva varios días circulando polas redes P2P

O Windows 7 está a avanzar rapidamente para converterse nunha realidade, e xa circulan polas redes P2P copias da súa versión Build 7057, que está moi próxima ao produto final (aínda que dende Microsoft xa traballan coa versión 7061, lanzada o pasado día 11) e que mesmo permite configurar a súa interface en español, o que está a levar a moitos usuarios a adoptar este sistema operativo en probas pese a que deixará de funcionar no verán.
Agora coñecemos un pouco máis o calendario de versión dos Windows 7, e xa anuncian que a finais de maio chegarán as versión Windows 7 RC1 e Windows Server 2008 R2, para que na última semana de xullo preparen unha versión de previa da compilación final de Windows 7. Non será ata agosto cando as copias do Windows 7 RTM (listo para a súa comercialización) se distribúan a subscritores de Technet/MSDN, para presentarse oficialmente no IT Forum de novembro, o que deixa a Microsoft un colchón para pulir o seu novo produto antes do seu lanzamento a primeiros de 2010.
O Office 14 Beta tamén sairá en xullo, pero a súa versión definitiva está programada para marzo de 2010, quedando claro que desta volta Microsoft está a tomar con moita calma a preparación dos seus novos produtos, para non repetir erros do pasado.

PUBLICIDADE