A vertente profesional da Maker Faire Galicia enche o Gaiás de presentacións de proxectos e premios

xoves, 2 de xuño do 2022 S. P.

Esta semana comezaron as xornadas adicadas ás empresas e ás/aos profesionais da Maker Faire Galicia, a feira galega de tecnoloxías abertas, participativas e disruptivas que chega á súa oitava edición e que se celebra en Santiago en formato presencial, na Cidade da Cultura. Este 2 de xuño, logo das actividades preliminares de onte, a apertura da sesión virá da man de Marcos Saavedra, co-fundador da Maker Faire Galicia, Ana Sánchez, directora da zona noroeste de APD, Ana Isabel Reboredo, xerente da Fundación Cidade da Cultura, Norberto Penedo, director da área de competitividade do IGAPE e Gumersindo Guinarte, concelleiro responsábel de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo do Concello de Santiago.
O encontro comezará coa intervención de Pepe Martín, director executivo (CEO) de Minimalism e continuará cunha mesa dedicada á Industria 5.0, na que participarán Miguel Varela, CEO de Teimas, María Caeiro, conselleira delegada de Grupo Caeiro, Sara Torreiro, coordinadora de RSC e Mercadotecnia en Casa Grande de Xanceda e Cecilia Mariño, directora de RRHH e Transformación Dixital en Grupo Zendal.
Trala presentación dos proxectos finalistas aos premios e a pausa-café, seguiranlle dúas mesas dedicadas ao financiamento de proxectos e tecnoloxía e saúde mental. Nelas participarán Carmen Pumariño, de Startup Galicia, Mare Martínez, responsábel da área de startups en Fi Group, Pablo Mosquera, director de investimentos de Unirisco e Luz Castro da Aceleradora Galega de Videoxogos. Na mesa de tecnoloxía e saúde mental participarán Pilar Llácer, filósofa e escritora, Javier Serrano, director executivo de Mentiness, Clara Etchevers, chapter lead de Neurotech.gal e Tamara Cutrín, responsábel de persoas e cultura en Teimas.
O encontro finalizará coa entrega de premios da man de Francisco Conde, vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Ana Pérez, project manager en Innovación en Servizo Móbil e Óscar Miguel Bandín, fundador de Diario Motor e membro da xunta directiva de Startup Galicia.
A 8ª edición da Maker Faire Galicia celebrarase no Museo Gaiás e está organizada por Design Thinkers and Makers S.L. Enmárcase dentro do proxecto Capacita Directivos co apoio da Xunta de Galicia, o Círculo Financeiro de Galicia (CFG) e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD). Conta tamén coa colaboración do Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) - Ministerio de Ciencia e Innovación.

PUBLICIDADE