A vindeira xornada demostradora do CDTIC estará enfocada cara o sector agroalimentario do país

mércores, 22 de febreiro do 2012 Raquel Noya

O vindeiro 28 de febreiro vai ter lugar no Centro Demostrador TIC de Santiago de Compostela, unha xornada demostradora de solucións tecnolóxicas á medida das necesidades das empresas do sector agroalimentario do país, que poderán recadar información de primeira man sobre algunhas ferramentas TIC que teñen á súa disposición no mercado.
Xa que logo, as firmas galegas da industria agroalimentaria interesadas en informarse sobre as solucións tecnolóxicas que teñen á súa man para modernizar os seus negocios, deberán presentarse ás 10:00 horas no Centro Demostrador TIC de Galicia, previa inscrición na web oficial da entidade, que ten aberto o prazo dende o pasado 14 de febreiro.
O programa da Xornada inclúe a presentación do Plan de Incentivos 2011-2012 da Xunta de Galicia, así como o MapaTIC.gal que se estreou recentemente e que xa recolle máis de 280 solucións tecnolóxicas galegas a disposición de calquera persoa ou entidade interesada.
Entre as solucións recollidas neste Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia figuran, como non podía ser doutra maneira, as que se van presentar na xornada demostradora do vindeiro martes: a Plataforma Tecnolóxica Galega Agroalimentaria, PTGAL; a Plataforma Tecnolóxica Galega das TIC, Vindeira; e a solución achegada por Pexego: OpenERP, un sistema orientado ao sector agroalimentario que combina as funcionalidades dun ERP e un CRM e que ademais de integrar e automatizar a xestión das distintas áreas dunha organización, dispón dun módulo de control de trazabilidade de seu, específico para o sector.
Asemade, a partir das 11:15 da mañá, a empresa DISGOBE, S.A. vai demostrar o funcionamento do seu servizo i-Preventa, que permite xestionar as vendas e cobramentos a través de dispositivos móbiles de última xeración (smartphones, tablets...) automatizando o control sobre rutas dos distribuidores, datos dos clientes e puntos de venda... conectado a un ERP de empresa.
Xa ás 12:15, logo unha pausa, os asistentes comprobarán de primeira man o funcionamento da Visión artificial para a clasificación de produtos de SAECDATA, que consiste nunha solución enfocada á clasificación, automatización, trazabilidade e comercialización de produtos pesqueiros mediante visión artificial.
A última demostración virá da man de IDOM, que presentará o seu sistema integral de información ambiental, control de regadíos en agricultura, optimización de recursos naturais, prevención de aparición de enfermidades... que emprega datos meteorolóxicos recollidos a partir dunha rede de estacións combinada cunha rede sensorial.
A xornada rematará cunha visita guiada polas instalacións do CDTIC de Galicia.

PUBLICIDADE