A web da Cámara de Comercio de Santiago recibiu unha media de 25.560 visitas mensuais en 2013

luns, 17 de febreiro do 2014 Redacción

A Cámara de Comercio de Santiago fixo reconto os días pasados dos froitos acadados en materia de comunicación en liña. Segundo informa, o último ano foi o do afianzamento definitivo da súa presenza en Internet, unha presenza que ten catro facianas principais: a da web de seu (www.camaracompostela.com), a das redes sociais, a do boletín informativo e a do blog de comunicación diaria. Para a Cámara é de salientar que, tendo en conta en conta os datos achegados polo índice de Alexa, a páxina compostelá ocupe o primeiro posto das cámaras galegas en canto a número de visitas, “e mesmo está por diante de páxinas cun alto grao de dinamismo como son a web das cámaras de Bilbao e Castellón”.
As razóns destas boas cifras, explican fontes da entidade santiaguesa, cómpre rastrexalas nun traballo e nun compromiso continuo “por enriquecer de contidos a páxina web e os sitios propios nas redes sociais”.
O número de visitantes e visitas ao sitio oficial da Cámara incrementouse de xeito progresivo desde a súa creación, situándose hoxe nunha media mensual de 25.560 visitas en 2013 e unha media de 3.896 visitantes distintos mensuais. Polo que respecta aos servizos 2.0, a entidade conta con máis de 1.053 contactos en Facebook e 1.038 seareiros en Twitter. A idea é que o ano se incrementen estes números, tendo en conta as vantaxes que achegan estes servizos para entidades como a santiaguesa. Segundo informan os seus responsábeis, “o establecemento da marca Cámara nestas canles interactivas, permite achegar a entidade ás empresas da demarcación coa finalidade de presentarlles os servizos, proxectos, programas e coñecer as súas necesidades dunha forma organizada”. Por certo que a Cámara inclúe nos seus muros información relativa a eventos e actos da organización, cursos e xornadas de formación ou actividades de internacionalización
Como dixemos, outra das facianas de comunicación en liña que se empregados é o boletín informativo, unha ferramenta da que se enviaron case 40 versións no último ano. Ademais, realizáronse envíos de comunicacións a través de correo electrónico ás persoas interesadas en recibir información sobre cursos de formación ou accións de internacionalización que programa anualmente a entidade cameral compostelá. Na actualidade, reciben o boletín máis de 3.722 inscritos.

PUBLICIDADE