A web Cóntame Ferrol colle impulso cun obradoiro para xerar novos contidos sobre a cidade

venres, 3 de setembro do 2021 S. P.

O proxecto web Cóntame Ferrol, encamiñado a promover e reivindicar a cidade dende os contidos da cidadanía e o tecido asociativo, xa ten aberto o prazo de inscrición do seu obradoiro de participación. A idea á preparar o camiño para que as entidades e a veciñanza poidan compartir neste acubillo en liña, contame.ferrol.gal, as súas iniciativas culturais e dinamizadoras. A web abre ao público este mes de decembro. O taller dispón de 20 prazas e desenvolverase entre o 17 de setembro e o 5 de novembro, tendo carácter semipresencial e unha orientación práctica. Os interesados poden anotarse ata o 13 de setembro na web de Cóntame Ferrol.
Cóntame Ferrol é unha iniciativa posta en marcha polo Concello de Ferrol a través da concellería de Cultura, que dirixe Antonio Golpe. Trátase dunha proposta para recompilar, preservar e difundir contidos creados arredor do territorio e a súa xente cun dobre obxectivo: ofrecer ás iniciativas xa existentes un espazo común de contacto co público e, ao mesmo tempo, facilitar que calquera persoa poida acceder a elas dun xeito práctico e sinxelo.
Co fin de “contribuír á creación dun relato propio e impulsado dende a cidadanía”, Cóntame Ferrol recompilará contidos de carácter amador ou profesional, cuxo tema (patrimonio, saberes, toponimia, artes, memoria…) teña relación coa contorna e a veciñanza, “prestando unha especial atención a aqueles que respondan a un perfil sociocultural, creativo ou divulgativo”.
O proxecto abre a súa primeira fase convidando a participar a persoas e entidades, que atoparán na web do mesmo a información necesaria para compartir as súas propostas. Estas, segundo explicou o Concello, poderán ser espazos web, plataformas audiovisuais, novas narrativas, arquivos sonoros, en vídeo ou fotográficos, así como obras escritas ou proxectos expositivos, entre outros formatos.
Os contidos e detalles do obradoiro
Ademais de apostar polos contidos que xa existen, o Concello quere dotar á cidadanía de ferramentas e estratexias útiles para avanzar en novas propostas de perfil dixital. Para iso, a área de Cultura convocou un obradoiro de creación audiovisual e mapeo dixital para o presente mes de setembro.
O taller, que dispón de 20 prazas, desenvolverase entre o 17 de setembro e o 5 de novembro, terá carácter semipresencial e unha orientación práctica. As 40 horas de dedicación total estimadas distribuiranse entre sesións presenciais, en liña e traballo persoal. A inscrición estará aberta ata o vindeiro 13 de setembro ou ata pechar a capacidade do obradoiro.
Segundo informa a área de Cultura, “este novo percorrido formativo está dirixido a calquera persoa creativa, especialmente aquelas que teñan relación coa arte, o asociacionismo e os ámbitos educativo e sociocultural, e ofrecerá a posibilidade de aprender a realizar pequenas pezas de vídeo e situalas nun mapa dixital, xerando un percorrido polo territorio en base a tres posíbeis temas: a memoria industrial, a memoria veciñal e a memoria dos lugares”.
O froito final será un mapa aberto ao público que poderá visitarse na web de Cóntame Ferrol antes de que remate o ano, xunto cos demais contidos e experiencias recompiladas no marco do proxecto.

PUBLICIDADE