A web E-Signo Visual premiada pola súa funcionalidade e accesibilidade

xoves, 17 de abril do 2008 Raquel Noya

O Dicionario E-SignoVisual, un espazo web desenvolvido pola Consellaría de Innovación para dar conta, na lingua de signos, dos vocablos tecnolóxicos máis empregados no día a día dos internautas, vén de recibir o premio da Asociación de Redes de Telecentros que está a celebrar na illa de Fuerteventura o seu 7º Congreso Anual de Telecentros e Redes de Telecentros (que remata mañá venres, 18 de abril)
E-SignoVisual é, en resumidas contas, un dicionario virtual de termos tecnolóxicos que lles fai máis accesible a linguaxe tecnolóxica ás persoas xordas, para que poidan achegarse ás novas tecnoloxías, que, a miúdo, supoñen para elas unha fonte de novas oportunidades de integración.
Asemade, esta web conxuga a linguaxe de signos coa lingua galega e o software libre, algo que resulta de especial relevancia pois abre a linguaxe de signos ó noso idioma a través dun programa que está a disposición de calquera interesado (e calquera peto).
Esta ferramenta foi posta en funcionamento a través das páxinas web da Asociación de Persoas Xordas de Lugo e da Sociedade da información para dar conta dos seus beneficios a toda a colectividade de xordos de Galiza.
A coordinadora da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, Carme Suárez, recolleu o devandito galardón en nome da directora xeral de promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela que non puido asistir ó acto.

PUBLICIDADE