A web QJobs achega ofertas de traballo para freelance

xoves, 23 de xuño do 2011 Raquel Noya

Con máis de 5 millóns de parados como temos en España, toda iniciativa empresarial que propicie a creación de emprego no noso país, é benvida en Código Cero; e se esa iniciativa está baseada no uso das TIC, a nosa web dálle acubillo coa máis grande das satisfaccións.
Desta volta, é o portal QJobs o que chama a nosa atención, un espazo en liña onde atopar e publicar ofertas de traballo para freelances e autónomos, creada pola empresa Qweb, que centra a súa actividade no sector do deseño.
A ferramenta, que xa leva en marcha unhas semanas, permite que as persoas que desenvolven as súas actividades como freelance poidan atopar unha ampla oferta de traballos dentro do seu sector, ben sexa de xornalista, deseñador, publicista, redactor, programador, blogger ou de calquera outra profesión relacionada coas 5 áreas que achega a web: deseño web, deseño multimedia, programación web, redacción de contido e imaxe e son.
Porén ademais de publicar ofertas de profesionais freelance, a web tamén lle facilita ás empresas a publicación de ofertas detalladas sobre os requisitos necesarios para desenvolver o traballo en cuestión, de maneira que se acada unha relación de ofertas e demandas cun dobre obxectivo: aos demandantes facilítalle o contacto cos profesionais freelance que necesitan, e aos oferentes, darse a coñecer a través dunha plataforma que certifica a súa calidade.
Xa que logo, os usuarios desta web poden conseguir o CAB (Certificado de Adecuación a Buscadores) que lles permite potenciar o seu ranking nas ferramentas de busca, ao tempo que acredita a calidade do seu servizo.
Malia que só leva unhas semanas en funcionamento, QJobs xa achega un abano xeitoso de ofertas para programadores Java, deseñadores web, redactores, bloggers ou desenvolvedores de contidos flash, entre outros.

PUBLICIDADE