A web da FCEER consolídase como a máis visitada do seu eido

mércores, 14 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

A educación ábrese camiño na Rede coma se de algún xeito esta fose desenvolvida á súa medida. Se a este factor de concordancia lle engadimos unha vontade tirar abaixo fronteiras no eido da aprendizaxe (favorecendo colaboración entre países ou comunidades, por exemplo), estaremos a consolidar o alicerce dun escenario educacional especialmente rico: máis accesible, máis interactivo, máis universal. Este semella ser o camiño da plataforma dixital da Fundación do Centro de Estudos Eurorrexionais (FCEER), www.fceer.org, que segundo datos achegados pola propia fundación, vense de consolidar como o sitio en liña da súa temática e do seu eido de acción máis visitado do mundo.
Como dixemos, o dato despréndese dunha investigación feita pola propia entidade acerca do número de accesos a páxinas de órganos que traballen a prol da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Asemade, a web da FCEER figura entre os dez portais de asociacións de universidades transfonteirizas máis vistos, e todo logo de só tres anos de actividade na Internet.
Segundo informan os seus responsables, a páxina non só se está a inventar a ela mesma o longo da súa andaina, senón ao propio xeito de achegar comunicación e aprendizaxe universal a través das novas tecnoloxías. Entre os froitos recollidos ao longo desta experiencia atópase un soporte de información do acontecer na educación superior da Eurorrexión, un DVD sobre o museo virtual transfronteirizo ou a posta en funcionamento dun club de lectura virtual universitario.

Sobre a FCEER

A FCEER foi creada polas universidades de Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña, Tras os Montes, Minho e Porto para o establecemento de sinerxías e redes de investigación que permitan a xeneralización dun espazo do coñecemento, da mobilidade e da transferencia de información.

PUBLICIDADE