A web de emigración incrementou as súas visitas nun 10% o pasado ano

martes, 18 de xaneiro do 2011 Raquel Noya

O portal de Internet GaliciaAberta.com, dependente da Secretaría Xeral de Emigración, recibiu ao longo do pasado ano un total de 242.271 visitas, o que supón, segundo datos da propia entidade, “unha media mensual de 20.189”, que se traducen nunhas preto de 664 visitas diarias.
Estes datos, que aparentemente non din nada (xa que non significan a visita esaxerada de usuarios á web) reflicten un incremento do 9,67 por cento das visitas respecto do ano 2009, o que dí moito a favor da entidade pública, que fixo un esforzo considerable para chegar á diáspora a través das novas tecnoloxías.
Deste xeito, e cos datos na man, os responsables de Galiciaaberta.com demostran a utilidade do funcionamento da súa web, así como o cumprimento dos obxectivos para os que foi creada: por unha banda satisfacer a demanda de información en liña que vén dende os galegos e galegas afincados no exterior e pola outra, servir de canle inmediata de difusión das medidas do departamento que dirixe Santiago Camba.
Xa que logo, por forza tamén aumentou, aínda que de maneira menos substanciosa, o número de páxinas visitadas dentro do portal e rexistrouse un aumento no tempo de permanencia no sitio, cunha media de visita entre tódolos usuarios de 3 minutos e 50 segundos, un 1,54 por cento máis ca en 2009.
En canto á procedencia por países, case a metade das visitas proceden de España (49’9 por cento), porén cabe destacar a importante presenza estatística do segundo país, Arxentina (25’5 por cento), que é seguido por Uruguai, Brasil, Venezuela, México, Estados Unidos e Suíza.
Dende a Secretaría engaden que, en menos de tres meses (desde a súa creación o 14 de outubro de 2010), “o perfil de GaliciaAberta.com en Facebook xa ten 1.240 adheridos, e 283 no de Twitter, de moi recente creación”. A presenza nestas dúas principais redes sociais, aseguran, “serve de conexión (fundamentalmente a través dos teléfonos móbiles e outros dispositivos portátiles) cos galegos da diáspora para lles ofrecer, en tempo real e nas mellores condicións posibles, as novas de relevancia do portal web”.

PUBLICIDADE