A web de rumores Think Secret cesa a súa actividade

venres, 21 de decembro do 2007 Marcus Fernández

Nick Ciarelli, fundador de Think Secret

Tras dous anos de loita xudicial, a web de rumores sobre Apple, Think Secret, ten que cesar a súa actividade, e o seu responsable, Nick Ciarelli, que pese a afirmar que non gustou de ser denunciado por Apple, empresa da que se considera un entusiasta seguidor, asegurou que está «moi satisfeito» co acordo amigable acadado, de xeito que agora deberá «buscar outras oportunidades», así como para «avanzar nos seus estudos e ampliar as súas metas xornalísticas».
Ciarelli, de 22 anos, converteu a Think Secret nunha das principais referencias mundiais sobre rumores e novidades da empresa de Steve Jobs, pero a empresa non levou ben que publicase en 2005 información sobre un produto musical en desenvolvemento que respondía ó nome de Asteroid, o que constituía un acto de violación de segredos industriais, polo que emprendeu unha loita comercial contra a web nacida en 1999, e que foi unha das poucas en amosar capturas de pantalla da última versión de Mac OS X antes do seu lanzamento oficial (e, precisamente as peticións de eliminación por parte dos avogados de Apple confirmaron a súa autenticidade).
Os seguidores dos produtos da compañía de Cupertino quedan agora sen unha das súas principais fontes de información, dificultándose a achega de novas fóra das canles oficiais.

PUBLICIDADE