A web de Vigo renova o seu deseño para mellorar a experiencia da cidadanía

xoves, 7 de setembro do 2023 S. P.

O Concello de Vigo deu unha viraxe ao deseño da páxina municipal, www.vigo.org, co obxectivo de amplificar as súas utilidades e, en palabras do Goberno local, “mellorar a experiencia da cidadanía”. En concreto, ao abeiro do proceso de mellora continua do sitio municipal apostouse por ofrecer un deseño máis moderno á vez que simplificado, con maiores marxes de accesibilidade e usabilidade e cun innovador sistema de busca intelixente e eficiente. “Temos unha gran páxina web”, sinalou o alcalde Abel Caballero, salientando que os traballos realizados acadaron “unha mellora substancial”.
O rexedor tamén destacou que o novo sitio www.vigo.org mellora a transparencia estruturando a información de forma accesíbel e ordenada para atopar de maneira rápida e sinxela os datos e documentos que se buscan. Amais, co cambio aplicado, “facilítase a comunicación ofrecendo na páxina principal a información de actualidade: noticias, avisos, tráfico, axenda municipal”.
Polo que se refire ao buscador, trátase dun novo sistema de procura intelixente que inclúe unha función de autocompletado que ofrece suxestións preditivas a medida que o usuario empeza a escribir, tanto en galego como en castelán.

PUBLICIDADE