A xeración YouTube darase cita en setembro nun macrofestival en Madrid: YouFest

venres, 25 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

YouTube quere saír da Rede e semella que, musicalmente, vai camiño de conseguilo. Este labor de corporización vaise percibir o vindeiro mes de setembro en Madrid, con motivo do certame YouFest, o Festival da Xeración YouTube, que se vai desenvolver os días 28 e 29 do dito mes, na súa primeira convocatoria internacional. Trátase dun evento multiartístico, aínda que é verdade que semella facer fincapé na música: unha das faces máis visíbeis de YouTube e un dos seus grandes reclamos. No concurso participarán artistas consagrados, vía YouTube ou non, e outros que se están dando a coñecer, nesta rede e noutras, pero todos unidos co denominador común da viralidade-comunidade.
Segundo se informa, haberá DJs, músicos dixitais, especialistas en ferramentas dixitais ao servizo da creatividade e da difusión desa creatividade, deportistas extremos e un bo anaco da comunidade de seareiros da Rede. A sede de todo isto será Matadero Madrid, onde todo apunta a que reunirán milleiros de persoas, estando programado habilitar un novo escenario para a chegada da noite. Entre os grupos e artistas que confirmaron a súa asistencia atópanse os seguintes (entre outros): La Tigresa del Oriente, Rick Astley (Inglaterra), Wendy Sulca, Danny MacAskill (Escocia), Playing for Change (varios países), Kutiman (Israel), Sung Bong Choi (Corea do Sur), Kreayshawn (EE UU), Locomía, Shakiro ou Daler Mehndi (India).
Por certo que para redondear a vertente tecnolóxica do festival e xa que ten a YouTube detrás (en algo tería que notarse, tecnoloxicamente falando), o evento será transmitido a todo o mundo en live streaming a través da canle premium da web do festival. Con todo, cómpre sinalar que as entradas xa están á venda a través da dita páxina e outras webs como entradas.com.

PUBLICIDADE