A xira sobre a televisión do futuro de Televés chega a Reino Unido e Irlanda

venres, 2 de outubro do 2009 Fernando Sarasketa

A xira da empresa galega Televés dirixida a divulgar as claves da televisión de alta definición, o Tour HDTV, está a piques de ampliar o espazo de acción cara a mercados especialmente competitivos. Así, informa a compañía con sede en Santiago, logo de meses de percorrido e promoción por boa parte da xeografía española e portuguesa, o novo paso a seguir vai ser dar o chimpo cara ás Illas Británicas. De feito, xa hai data programada para o comezo desta nova etapa do periplo: o 4 de outubro, tendo o porto do Dover como punto de partida. A partir de aí, engade a empresa, o vehículo da xira iniciará un percorrido polas principais localidades do Reino Unido e Irlanda, ao longo de todo mes de outubro e co obxectivo claro de “suscitar entre os profesionais da televisión dos dous países o mesmo interese que o Tour HDT espertou en España e Portugal”.
Polo tanto, a idea será de a de atraer á meirande cantidade de profesionais do sector (técnicos, instaladores e distribuidores) co fin de subministrarlles información en detalle das posibilidades da alta definición, “a auténtica televisión do futuro”, sinala Televés. Ao igual que aconteceu nos percorridos previos da unidade móbil no itinerario polo Reino Unido e Irlanda participará de xeito activo a ampla rede comercial de Televés: principalmente empresas distribuidoras de material eléctrico e electrónico. Desta maneira”, engade a compañía galega, “os profesionais da televisión dos dous países poderán non só coñecer os beneficios da alta definición e gozar da súa excepcional calidade de imaxe e son, senón tamén familiarizarse coa tecnoloxía e os equipos precisos para traballar coa mesma”.

PUBLICIDADE